Masivo seguimento da Folga Xeral de profesorado no CEIP O Grupo de Ribeira

25 Setembro 2025

O CEIP O Grupo de Ribeira secundou hoxe a Folga Xeral do profesorado do ensino público en Galicia, como mostra de apoio ás reivindicacións que vén realizando desde comezos de curso. O centro denuncia graves problemáticas como a falta dun titor ou titora para o 3ºB de Primaria, a carencia de profesorado NEAE, de apoio e desdobres para os sextos de Primaria, así como deficiencias en recursos e infraestruturas: reforma do edificio da vella comisaría, reparación da cuberta de Infantil, pintado exterior do edificio principal e posta en marcha do ascensor de Infantil, instalado desde novembro pasado pero aínda sen funcionar.

A ANPA Santa Uxía fixo un chamamento ás familias para que secundasen a folga, salvo por necesidades de conciliación, e garantiu o funcionamento normal do comedor escolar para quen o precisase. O seguimento foi moi amplo: 26 docentes secundaron a folga e só nove asistiron ao centro (tres deles en servizos mínimos do equipo directivo), o que supón un 75% do profesorado en folga. No caso do alumnado, asistiron 46 dos 400 estudantes matriculados, o que representa un 88% de seguimento.

Desde o CEIP O Grupo salientan que esta participación masiva “é boa mostra da preocupación existente na comunidade educativa” e anuncian que, se non hai resposta, continuarán coas mobilizacións iniciadas pola ANPA hai tres semanas: concentracións con caceroladas os luns ás 11:30 horas, recollida de sinaturas para enviar un novo escrito ao concelleiro de Educación, presentación dunha moción cidadá no pleno do Concello de Ribeira o luns 29 de setembro ás 20:00 horas e solicitude de amparo á Valedora do Pobo polos escritos remitidos o 8, 16 e 19 de setembro á Xefatura Territorial, á inspectora de zona e ao conselleiro de Educación.

A comunidade educativa apela ao conselleiro de Educación e á inspectora para que dean solución inmediata á situación, nomeando de urxencia un substituto/a que cubra a vacante do 3ºB, xerada por comisión de servizos autorizada pola propia Consellería no mes de xuño.

Para calquera dúbida ou consulta, o centro lembra que está á disposición das familias e agradece a colaboración e apoio constantes.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El que se pica…, ajos come”. José Fernández Lago

“El que se pica…, ajos come”. José Fernández Lago

A la luz de lo que se escucha estos días a nuestro alrededor, he estado dudando en mantener ese título en mi artículo, o sustituirlo por otro como que “El poder corrompe”. Existen dichos que hemos recibido de nuestros antepasados, y que no podemos aplicarlos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.