Licitada por 28 millóns a ampliación da EDAR de Vilagarcía para duplicar a súa capacidade

26 Setembro 2025

A Xunta de Galicia vén de licitar por case 28 millóns de euros o proxecto e execución das obras de ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Vilagarcía de Arousa. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 9 de decembro.

O obxectivo da actuación é solucionar as carencias da actual instalación e garantir o cumprimento dos límites de vertedura. O financiamento correrá a cargo de Augas de Galicia, que achegará o 80% do orzamento, e do Concello de Vilagarcía, que aportará o 20% restante. Ademais, a obra estará cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Coa ampliación prevista, a futura EDAR pasará de atender a 46.000 habitantes equivalentes a dar servizo a preto de 100.000, sumando poboación fixa, estacional e achegas industriais. Así, duplicarase a súa capacidade e poderanse resolver os principais problemas detectados na infraestrutura actual, como a insuficiencia hidráulica e de tratamento de cargas e lodos.

As obras, que deberán ser compatibles co funcionamento da depuradora, inclúen a construción de novas liñas de auga, lodos e biogás. Entre outras melloras, instalaranse procesos de pretratamento con desodorización, novo tratamento biolóxico, decantación secundaria, desinfección terciaria e eliminación química de fósforo. Tamén se prevé un novo bombeo ao emisario submarino e a revisión do actual.

Unha vez completadas, as instalacións poderán xestionar 500 litros por segundo fronte aos 250 actuais, optimizando o funcionamento en tempo de choiva.

Esta actuación enmárcase na colaboración técnica e económica de Augas de Galicia cos concellos para mellorar a xestión do ciclo integral da auga, garantir o bo estado ecolóxico de ríos e rías e reducir a pegada hídrica mediante investimentos en redes de saneamento, depuración e abastecemento.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.