A Oficina de Turismo da Pobra acolle a 4.000 visitantes este verán

29 Setembro 2025
A ruta do mexillón da Pobra

O verán é unha boa época para facer balance de se un destino é turístico abondo ou non. A Pobra do Caramiñal vén de confirmarse como un dos destinos emerxentes da ría de Arousa. Os datos rexistrados dende a Oficina de Turismo municipal así o din. Indo a este verán que vén de rematar: nos meses de xuño, xullo e agosto foron 3.465 as persoas que fixeron uso desta instalación, realizando un total de 802 consultas ao persoal traballador. Trátase dun número elevado e que reafirma a tendencia de crecemento que o municipio está experimentando en canto ao turismo. Tanto é así, que con respecto ao 2024, este indicador subiu máis dun 6%.

A concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, valora estes números, que referendan a capacidade da Pobra “para seguir medrando no que a visitantes se refire”. Como apunta a edil, na época estival foron “moitos os turistas de ámbito nacional e internacional que elixiron o noso concello para as súas vacacións e iso débese, non só á nosa historia, patrimonio e natureza, senón tamén á programación turística que ofrecemos todos os anos”.

Cómpre dicir que o perfil das persoas visitantes foi moi variado, presentando diferentes orixes, intereses diversos e distinguíndose, así mesmo, dous tipos de estadías, as de paso e as prolongadas.

En canto á procedencia, a maior parte viñeron do eido nacional, cos visitantes de Madrid á cabeza das estatísticas. A continuación, despuntaron os de Euskadi e Castela e León. Asemade, tamén se rexistraron visitas de cidadáns de Francia, Irlanda, Holanda ou Bélxica.

Alén disto, e atendendo ás consultas atendidas na Oficina de Turismo, o coñecemento da Pobra e da contorna máis achegada foi a temática central máis recorrente. Deste xeito, moitas das preguntas estiveron relacionadas con cuestións vinculadas ao patrimonio local, o mar, a gastronomía e o sendeirismo. Outras dúbidas foron sobre as actividades da propia Concellaría e outras de tipo cultural e viaxes ás Illas do Parque Nacional. Por último, recolléronse tamén peticións específicas como, por exemplo, o proceso de selado do Camiño en kaiak.

A Concellería de Turismo organizou, na época estival, un amplo e variado programa para visitantes baixo o título A Pobra do Caramiñal: vive a experiencia. Entre as propostas programadas houbo viaxes en veleiro, a ruta do mexillón, turismo mariñeiro e visitas guiadas ao río das Pedras que

reuniron a un total de 835 persoas participantes. No referente ás viaxes ás illas do Parque Nacional, saíron desde A Pobra 526 persoas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

Hai case oito séculos, as Sete Partidas de Alfonso X pretendían establecer unhas regras comúns para ordenar a sociedade. Hoxe vivimos nunha democracia con leis e mecanismos de control, pero segue vixente unha pregunta fundamental: de que serven as normas se quen debe...

“Indefensión frente a la nesciencia”. José Fernández Lago

“Indefensión frente a la nesciencia”. José Fernández Lago

Soy un ciudadano de a pie, que no entiendo el organigrama gubernativo. Cierto que me siento con el derecho de considerar que los que ostentan algún tipo de cargos deberían tener los estudios oportunos, y no simplemente facilidad para comunicarse entre ellos y para...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.