A praza de España de Ribeira acolle desde este venres 22 e ata o domingo a IV edición da Feira Gastromar, un evento gastronómico organizado pola patronal local (AER) que se consolida como escaparate dos produtos do mar da ría e que pon o acento na sustentabilidade e na colaboración entre administracións e sectores económicos. O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, xunto coa conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, a deputada provincial Soledad Agra, representantes da Deputación, alcaldes da comarca, edís da Corporación, representantes económicos e o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira (AER), Francisco Martínez Gude, inauguraron na mañá deste venres unha cita que enche a cidade de degustacións, demostracións gastronómicas (showcookings), música e actividades para todos os públicos.

O mar como motor económico e cultural
Na súa intervención, o rexedor destacou que “vivimos da ría, e a ría vive de nós”, subliñando a importancia de preservar o medio mariño para garantir o futuro das próximas xeracións. Así mesmo, puxo en valor “a calidade e a diversidade dos produtos locais: ameixas, navallas, sardiñas, xoubas, xurelos, o distintivo Lirio de Ribeira e, como novidade este ano, peixe espada e hamburguesas de lirio pensadas para os máis pequenos”. Pérez Barral destacou a colaboración da Sociedade Cooperativa Santa Uxía (OPP83), que entregou lirio e sardiñas para ser degustados durante a feira, exemplificando, dixo “o compromiso da frota coa calidade, a frescura e a sustentabilidade dos seus produtos”.
O alcalde agradeceu o esforzo conxunto das diferentes institucións e entidades colaboradoras: o Concello de Ribeira que colabora cunha achega de 20.000 euros, a Xunta e a Deputación da Coruña, así como entidades económicas, confrarías, cooperativas e produtoras locais.
“Gastromar é a proba de que a unión de esforzos fai posíbel proxectos tan positivos como este”, destacou.

Un programa variado e familiar
A feira ofrece durante tres días degustacións abertas ao público, obradoiros familiares, exhibicións gastronómicas a cargo de cociñeiros de prestixio como Javier Fernández, actividades infantís e concertos, converténdose “nun espazo de encontro entre tradición mariñeira e innovación culinaria”. “O evento Gastromar é gastronomía e tamén compromiso coa nosa identidade mariñeira, coa protección do medio e coa oportunidade económica do territorio”, concluíu o alcalde, convidando á cidadanía e visitantes a gozar desta cuarta edición.

A conselleira do Mar puxo en valor o porto de Ribeira e a súa relevancia estratéxica
Na cita participou como dixemos a conselleira do Mar, Marta Villaverde, quen puxo en valor a importancia estratéxica do porto de Ribeira na pesca de baixura a nivel continental así como a excelencia e propiedades nutricionais excepcionais dos alimentos do mar, máximos expoñentes da Galicia Calidade. Por iso, resaltou a relevancia de divulgar esas calidades entre os consumidores reivindicando a dieta atlántica como sinónimo de saúde e calidade de vida, “unha liña de traballo que tamén permite dinamizar o hostalaría local favorecendo o intercambio de coñecemento e a innovación nas elaboración destes produtos”. sinalou, recordando que a Xunta vén colaborando coa celebración desta feira desde a súa primeira edición “cunha clara aposta pola promoción dos produtos locais e de proximidade”. Tamén sinalou que estas citas culinarias contribúen a visibilizar as bondades culinarias dos produtos capturados pola frota e comercializados na Lonxa de Ribeira así como a oferta existente na súa praza, reforzando a súa función como punto de venda de proximidade, promovendo o consumo responsábel e apoiando á economía local.

Marta Villaverde destacou o papel das Prazas de Abastos como puntos de venda, clave na comercialización dos produtos pesqueiros frescos galegos, ofrecendo estes alimentos nas mellores condicións aos consumidores, “un labor que ten especial impacto na promoción do consumo, unha liña de traballo na que esta afondando a Xunta con campañas como Galicia sabe aMar e con medidas innovadoras como o Bono Peixe, do que xa foron descargados máis de 163.000, e que supera os 730 establecementos adheridos en toda Galicia”.

A Deputación participa en Gastromar Ribeira promocionando os produtos locais da comarca
A deputada provincial, Sol Agra, acudiu tamén á inauguración do festival gastronómico Gastromar, onde a entidade provincial conta cun espazo propio no que se celebrarán actividades para todos os públicos durante os tres días: foodtruck, showcookings con produtos locais e un obradoiro infantil.
Durante os tres días, a Deputación ofrecerá “unha ambiciosa programación baseada na promoción e divulgación de produtos locais”, sinalou Agra, detallando que Gastromar contará cunha foodtruck con elaboracións con produtos do mar de Ribeira, concretamente navallas e ameixas, na que se repartirán 2.000 racións diarias. O venres e o sábado, o cociñeiro Xavier Arca, do Sisal by Chicolino (Pobra do Caramiñal), impartirá showcookings a base de produtos locais con degustación para 100 persoas. Ademais, o domingo 25 haberá un obradoiro infantil.

“Este Gastromar de Ribeira encaixa coa campaña turística e gastronómica da Deputación A Paisaxe que Sabe, xa que celebra a idoneidade da comarca e da provincia, ademais de promover os produtos e a gastronomía locais, dinamizando a actividade comercial, turística, cultural e de ocio, convertendo a Ribeira nun escaparate perfecto para a promoción da cociña e o produto do mar, non só ante público local senón cun maior alcance, por celebrarse en agosto, onde a afluencia de visitantes, veciñanza que retorna á casa e turistas, é moito maior”, sinalou a deputada, engadindo que “todo isto organízase cun obxectivo fundamental: dar a coñecer Ribeira e animar ao consumo dos nosos peixes e mariscos e dar a coñecer a súa procedencia, contribuíndo así a manter o sector, os postos directos como os de mariñeiros e redeiras, e os indirectos, como os de comercializadores, lonxas, estaleiros, distribuidores ou peixerías. E facelo dun xeito responsábel co territorio”.
A colaboración da Deputación, a través da área de turismo, con esta cita gastronómica, forma parte do seu compromiso co apoio a eventos que poñen en valor a gastronomía local e coa promoción dos produtos de proximidade, que se enmarca na súa campaña turística e gastronómica A paisaxe que sabe. A través desta campaña, a institución viaxa a diferentes feiras de todo o Estado, nas que promociona a materia prima de diferentes produtores e produtoras locais da provincia, e tamén o traballo de cociñeiros e cociñeiras que exhiben nestes espazos o seu bo facer impartindo showcookings.

A OPP83-Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía doa media tonelada de Lirio de Ribeira e sardiña a Gastromar
A Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía entregou de balde 250 quilos de Lirio de Ribeira e outros 250 quilos de sardiña a Gastromar. A Organización de Produtores Pesqueiros de Ribeira colabora nunha nova edición de Gastromar, organizada por cuarto ano pola Asociación de Empresarios de Ribeira. A OPP83 fixo entrega, de forma gratuíta, de medio milleiro de quilos de peixe procedente dos seus barcos asociados, repartidos a partes iguais entre Lirio de Ribeira e sardiña. A cooperativa repite participación en Gastromar “co obxectivo de fomentar o consumo de peixe entre a poboación, dar visibilidade ao traballo da frota local e poñer en valor a calidade e os beneficios nutricionais do Lirio de Ribeira e a sardiña: produtos frescos, sostíbeis e capturados en augas galegas”.

A OPP83 estivo presente no acto inaugural da feira coa participación do seu presidente Juan A. Pérez Vidal, o seu xerente María José Casais Boo, e Pablo Pérez Martínez e José Antonio Pérez, membros do Consello Reitor. Durante o evento tamén se ofrecerá información sobre a entidade, a súa actividade pesqueira e os produtos que comercializa; e colaborarán nos showcookings programados, nos que se elaborarán receitas con peixe da Cooperativa.
Durante a inauguración, o presidente da OPP83 manifestou que “coa nosa participación en Gastromar queremos achegar o peixe á cidadanía e demostrar que o Lirio de Ribeira e a sardiña son produtos de primeira calidade, saudábeis e cun gran futuro na gastronomía galega e nacional”. Pola súa banda, a xerente da Cooperativa, engadiu que “para a OPP83 é fundamental apoiar iniciativas como esta, que poñen en valor o traballo da nosa frota e mostran aos consumidores novas formas de gozar do peixe fresco e sostíbel de Ribeira”.

O chef de Eventos Chicolino, Javier Fernández, deseñou para a feira gastronómica ribeirense unha selección de novas e deliciosas elaboracións
que combinan tradición mariñeira e cociña contemporánea. Entre elas destacamos: bao de Lirio de Ribeira sobre cama salteada de repolo picante,
fish&chips de Lirio de Ribeira con salsa de mostaza e mel de eucalipto e cremoso de chícharo galego ao pesto suave, Coca de recapte con sardiña e wakame, e brocheta de patatín asado ás finas herbas e sardiña afumada. Ademais, como novidade, tamén se poderá gozar dunha saborosa hamburguesa de Lirio de Ribeira, pensada para conquistar aos máis pequenos da casa.
Gastromar levará a cabo entre os días 22 e 24 de agosto na praza de España de Ribeira en horario de 13.00h a 15.30h e de 20.00h a 22.30h. A participación da OPP83 forma parte das actividades promocionais desenvolvidas pola entidade no marco do seu Plan de Produción e Comercialización para 2025, co-financiado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).



