Os alcaldes de Ribeira e Porto do Son, Luís Perez Barral e Luis Oujo, clausuraron este venres 29 de agosto a edición X do Obradoiro de Emprego Tahume. No transcurso da cita tamén foron entregados os diplomas ás persoas que finalizaron a formación. Co acto deste venres culminou máis dunha década de colaboración entre as dúas administracións “traballando por un fin común, o emprego e a posibilidade de dar unha formación moi
demandada no actual panorama do mercado laboral”, salientaron os rexedores.
Na clausura tamén estivo presente o alumnado participante na presente convocatoria, o director territorial da Consellaría de Emprego, Juan José Couce, a concelleira de Emprego do ribeirense, Veva Betanzos, o concelleiro de Medio Rural sonense, Juan José Calo, xunto a persoal técnico de emprego, mestres e directores do obradoiro.
O rexedor sonense agradeceu o labor do persoal técnico de emprego dos dous Concellos, “que grazas á súa xestión posibilitaron celebrar este Tahume X e tamén a todos os mestres e directores”. Oujo mostrouse moi satisfeito polo traballo feito: “Todos os Tahumes foron bos pero este foi de dez porque o traballo que se realizou tanto en carpintería coma en forestais foron o excepcionais”. Luis Oujo quixo transmitirlles aos alumnos e alumnas “que isto non se quede nun papel, isto é un traballo de nove meses que vos vai a abrir as portas do mercado laboral e máxime no contexto actual onde se vai precisar xente no forestal e en carpintería”.
O director territorial sumouse ás felicitacións, e explicou que esta colaboración entre administracións ten a función de proporcionar unha saída laboral e tamén para ter a capacidade de traballar por contra propia. Couce destacou “o traballo tanxíbel desenvolvido para a veciñanza dos dous concellos, en carpintería, na xestión da biomasa, na limpeza; todo isto queda aí reflectido en todo o esforzo e dedicación destes meses e polo tanto podédevos sentir orgullosos do traballo feito”.
Pola súa banda o alcalde ribeirense, Luís Pérez Barral, aludiu a dúas cuestións: “A primeira é que non estariamos aquí sen a colaboración dos técnicos municipais e tamén do gran equipo que temos a cargo que é o profesorado, porque efectivamente, os recursos son necesarios pero tamén saber formar equipos é moi importante”. O rexedor tamén falou da outra cuestión importante para os concellos que é que “sen obradoiros non habería tanta formación nin poderíamos ter os espazos públicos tan ben. Grazas a vós, espazos como o parque periurbano de San Roque ou a rede de pasarelas de madeira non estarían tan ben; sen a vosa axuda non seríamos capaces de mantelas”.
O acto de clausura rematou coa tradicional entrega de diplomas. Este obradoiro supuxo un investimento de 423.000 € euros ademais dos gastos en material asumidos polas Administracións Locais.

Como lembraremos, Tahume é unha iniciativa dos Concellos de Porto do Son e Ribeira para impulsar o inserción laboral na contorna destes municipios do Barbanza. Incluíu nesta edición, a décima, as especialidades de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Traballos de Carpintería e Moble.
Este obradoiro laboral é un programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade e empregabilidade das persoas que actualmente están paradas, e que está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con dez alumnos de cada unha desas localidades. Ademais, como incentivo, a Xunta de Galicia realiza unha achega de 30.000 euros para fomentar a empresas que contraten a persoas formadas neste obradoiro.

Ademais da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibiu formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras. Por outro lado, o alumnado participante que non estea en posesión da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) recibe formación específica para a súa preparación e obtención.




