
No ano 2022 resultou ganadora a obra Teño un volcán dentro de María Canosa que aparece ilustrado por Zaira Novoa. Trátase do retrato dunha familia na que nace un rapaz con Asperger. Dende os ollos irmá, un pouco máis vella imos facendo o seguimento da súa vida, das relacións familiares e escolares. Ela vai facendo o relato, dende o momento no que o bebé lle agarra o dedo ata ese instante no que deben tomar distancias; centrándose sempre nos sentimentos. Mi e Lu forman un tándem, no que ela asumiu o papel de coidadora, unha coidadora que non pode mostrarlle os afectos tal como os sente, que ha de estar atenta ás súas reaccións… que, a pesar de compartir habitación e tempo, non acaba de entendelo de todo e iso causa desazón. Porque somos distintos e procesamos o que nos rodea de maneiras diferentes, porque algúns de nós levamos un volcán dentro que pode estoupar en calquera momento pero tamén levamos unha luz interior que ilumina o mundo coma un faro.
Esta incursión no Asperger realízase sen rede de seguridade, a autora vai a por todas igual que esa irmá, disposta a todo.
María Canosa é unha autora recoñecida cun medio cento de obras especialmente infantís; atendendo a todos os xéneros: álbum ilustrado, narrativa, teatro, poesía ou libro informativo. Conta con premios coma o Premio Pura e Dora Vázquez, o Follas Novas, Merlín, Estornela… José Luís Baños de Cos gana o VI premio con Fóra de xogo que aparece publicado con ilustracións de Agustina Shuan. Dúas nenas encóntranse
nun campo a onde escapan para xogar fútbol, sen que ninguén as vexa. A máis vella ensínalle á outra. No xogo vaise mesturando a realidade coa alegoría de diferentes aves: as pombas e o temor ante os corvos e as aguias que pelexan entre si pero ambos as someten a elas. A pequena admira a Messi, a grande a Shamila Koestani (a capitá do primeiro equipo nacional feminino de fútbol de Afganistán) aínda que ao final, Sahraa só quere ser ela mesma, a amiga de Zainab, porque por riba das guerras e as situacións de perigo, por riba das prohibicións están os afectos. Por iso, aínda que a perdeu, está contenta de que conseguise escapar e poda ser libre, aínda que ela xa non poderá volver xogar ao fútbol nun campo que está cheo de buratos das bombas.
Unhas ilustracións tan simbólicas como o texto, que teñen en conta as cores e as figuras afgás das dúas rapazas protagonistas. Esquemáticas, con cores quentes, elementos xeométricos, repeticións e case simetrías. (Continuará)



