A voceira do Partido Popular, María Sampedro, e o voceiro do Partido Barbanza Independente e primeiro tenente alcalde do Concello, Vicente Mariño, solicitaron a convocatoria dun pleno extraordinario para tratar, como orde do día, a Modificación número 2 das bases de execución do Orzamento 2024, prorrogado do 2024. Fano, din, “pola necesidade de todas as entidades sociais, culturais e deportivas que precisan de urxencia da súa aprobación para o corrente desenvolvemento da súa actividade no beneficio dos servizos municipais”.
Explican que “hai unha semana a proposta de aprobación deste punto durante o pleno ordinario do mes de xullo decaía cun argumento similar por parte dos grupos propoñentes” e entre os motivos, din, “desprendíase a falta de consenso ante un documento que debera ter sido aprobado hai meses pola súa repercusión no tecido asociativo que traballa durante todo o ano en beneficio da cidadanía de Ribeira”.
E engaden: “Instamos á convocatoria dun pleno no que se poida levar a cabo a aprobación do referido punto, referenciando a proposta inicial cos cambios referidos á supresión dos 18.000 euros destinados ao Festival Mares da Fin do Mundo e o aumento da contía á Mancomunidade Barbanza Arousa, da que tamén solicitaremos o estado actual das contas e das encomendas e licitacións que afectan directamente ao Concello de Ribeira”.




