O Auditorio de Rianxo acolle este sábado 23 de agosto a proxección da película Antes de nós, de Ángeles Huerta, un filme biográfico sobre o escritor, debuxante e político local, Castelao, que nos achega a dous momentos clave da súa vida. Haberá dous pases no Auditorio Municipal (Sala Arcos Moldes): un ás 20:00 horas e outro ás 22:00 horas. As entradas serán de balde ata completar capacidade (máximo 2 por persoa). Os convites poderanse retirar dende unha hora antes de cada pase (para o primeiro pase dende as 19:00 horas e para o segundo dende as 21:00 horas).

Antes de nós é unha longametraxe producida polo selo Zenit TV, que se filmou o ano pasado nunha decena de concellos galegos.
A nova longametraxe de Ángeles Huerta, directora de O corpo aberto ou Esquece Monelos, céntrase en dous momentos pouco coñecidos “pero claves” tanto na vida persoal de Castelao como na xestación da súa figura simbólica para Galicia. A partir do guión de Pepe Coira, nárrase o seu exercicio como médico en Rianxo durante a gran gripe de 1918 e a viaxe que realizou a Bretaña en 1929, acompañado pola súa muller, Virxinia Pereira, tras a perda do seu único fillo aos 14 anos de idade. Así, a fita afonda nas emocións e nas circunstancias vitais de Castelao antes de se converter no referente histórico que coñecemos na actualidade.
Reparto galego
Xoán Fórneas, no papel do intelectual rianxeiro, e Cris Iglesias, no da súa dona, encabezan o reparto galego de Antes de Nós, do que tamén forman parte Nancho Novo, Xoel Fernández, Miquel Insua, Sergio Zearreta, Isabel Vallejo ou Adrián Ríos.
Ademais de Pontevedra e Rianxo, lugares escollidos pola relevancia na vida de Castelao, a rodaxe levouse a cabo noutras localizacións de Santiago de Compostela, Muros, Fisterra, Catoira, A Estrada, Silleda ou Negreira, onde se reproduciron os escenarios nos que viviu o protagonista.



