
O Concello de Padrón emitiu un comunicado no que denuncia que o seu Plan Municipal de Prevención de Incendios “permanece en estado de espera dende o pasado mes de marzo”, sendo o motivo desta paralización, sinala o Concello, “a falta dun informe vinculante por parte do Servizo de Defensa do Monte, órgano dependente da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia”.
Engaden fontes do Goberno local que “a ausencia deste documento non só impide a aprobación definitiva do plan, senón que tamén bloquea a posibilidade de que o Concello se adhira ao convenio coa empresa pública SEAGA”. Este convenio, sinálase, “é fundamental para garantir o cumprimento das obrigas en materia de xestión da biomasa, unha ferramenta esencial na loita contra os incendios forestais, especialmente en zonas habitadas”.
Desde o Concello de Padrón faise “un chamamento público á Consellería de Medio Rural para que axilice a emisión deste informe e permita que o municipio conte cos recursos necesarios para reforzar a súa capacidade de prevención fronte aos lumes forestais”. A colaboración institucional resulta imprescindible para avanzar cara a unha xestión forestal responsable e eficaz, engádese.



