
A xunta de Goberno local de Boiro celebrada na mañá deste 11 de agosto deu luz verde ao proxecto para a mellora dos accesos e servizos á praia de Mañóns, unha obra que ascende aos 67.387 euros e coas que se vai realizar a canalización de pluviais e renovación do firme.
O obxecto destas actuacións que se pretenden levar a cabo é mellorar o firme e realizar un percorrido accesíbel e seguro ao dito areal, así como canalizar as pluviais eliminando a canalización lateral que na actualidade xera problemas de seguridade viaria. Búscase a renovación duns 180 metros da vía de acceso que ten un ancho de 8 metros, así como xerar dúas beiras de 5m de ancho a cada lado de chan compacto de area cemento para facilitar o estacionamento e accesibilidade á praia.
Para o pavimento empregarase mestura bituminosa en quente de 5cm de espesor con regos de adherencia entre capas; e para o percorrido accesible á praia executarase un sendeiro de pavimento natural nas beiras este e oeste, dun ancho medio de 5m.
Esta actuación vaise levar a cabo mediante o Plan Único Concellos (POS+) da Deputación da Coruña.



