O sistema educativo galego contará este novo curso escolar con 522 centros educativos plurilingües, un programa da Xunta de Galicia de participación voluntaria que volve medrar un curso máis. En concreto, un total de 16 centros escolares súmanse á iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP: nove debutarán na mesma e sete ampliarana en novas etapas. Entre os nove centro que se incorporan figuran un da comarca do Barbanza: o CEIP de Portosín, en Porto do Son, correspondendo á etapa de Primaria.

Do total dos centros con modelo plurilingüe, 469 serano en Primaria ou ESO ou en ambas etapas á vez, 258 en Infantil e 16 centros en Bacharelato. Non se produciron renuncias, polo que todos os que participaron o pasado curso decidan continuar, formando parte así deste programa da Estratexia galega de linguas estranxeiras, Edulingüe 2030, que busca a aprendizaxe de idiomas nas aulas da Comunidade.
Ademais dos centros plurilingües, a Consellería oferta diversas modalidades. Así, outros centros optan por contar con seccións bilingües, na que un grupo de alumnos cursa unha área, materia ou módulo de maneira bilingüe. Trátase dunha iniciativa en marcha desde hai máis de 15 anos, que no seu momento foi pioneira en España. Para o próximo curso hai autorizadas case 4.500 seccións bilingües no conxunto da nosa Comunidade.
Para apoiar o modelo de ensino plurilingüe, o ensino galego contará o vindeiro curso con 690 auxiliares de conversa. Serán 25 máis ca no actual ano académico e supón un novo récord histórico de auxiliares en Galicia, cuxa presenza nos centros se ten multiplicado por máis de 10 respecto dos 67 que había ao inicio do programa, no ano 2009.
A maiores do resto de etapas, un total de 182 ciclos e másteres de Formación Profesional de 39 centros desenvolverán parte do seu currículo nunha lingua estranxeira no vindeiro curso, 15 na provincia da Coruña, 5 en Lugo, catro en Ourense e 15 en Pontevedra. Estas ensinanzas correspóndense con 79 titulacións diferentes. En 170 dos ciclos a formación realizarase a través de módulos en inglés, algúns deles combinados con outros idiomas como francés ou alemán, e en 12 a formación será en portugués.



