Levabámonos menos dun mes. Ambos os dous nados no ano 1943, el en Ferreira de Valadouro, eu na Pedra (Cariño). Amigos desde mediados os anos 60 do século pasado. Presentounos Xosé Manuel Vázquez (Tuto), coma el mestre e coma el, actor. Os dous namorados de Galicia e do teatro. Ambos os dous xa nas pradairas infindas das mareas vivas da TVG e a lembranza permanente dunha entrega sen físgoas ao teatro, o cine e a televisión após anos adicados ao ensino a partir dunga academia-cooperativa por eles aberta no barrio coruñés da Sagrada Familia: o colexio Atlas.
Manoel Lourenzo escribía e vivía o teatro: desde o vello “Tespis” á Casahamlet, para facer algo máis que sentirse galego. Pero hai tamén unha faciana descoñecida por moitos dos seus admiradores: a música. Cantou nun grupo creado na Coruña, do que tamén formaba parte unha súa irmá. Era canción galega -non podia ser doutros xeito- e moi ben pode dicirse que foi o alicerse da Nova Canción Galega, da que foi abandeirada a xuventude universitaria compostelá do Moscoso, Bibiano, Rubia, etc.
Por medio de “Tuto” participei con teatro de monicreques no proxecto de Casahamlet, xa que logo estaba involucrado nese tipo de “teatro” debido ao programa “La Ballenísima Alegrísima” de Radio Juventud de Galicia que, durante algúns anos, dirixín. Interviñan daquela na realización do programa José María Comesaña, Carmen Deus, Luis Núñez Rojo… e outros.
O dramaturgo Manuel Lourenzo Pérez finou o domingo 10 de agosto na Coruña. Director e actor, foi a chave que abriu portas ao teatro galego, a partir do teatro independente e O Facho, posteriormente co Teatro Circo, a Escola Dramática Galega, a Compañía Luis Seoane ou o Clube Elsinor.
A súa obra teatral abrangue perto de 300 títulos.



