A dotación de garda do SPEIS 03 con base en Boiro e os compañeiros do SPEIS 04 con base en Ribeira, xunto con Proxección Civil de Rianxo, a Policía Local e a Garda Civil de Rianxo, interviñeron este mércores 6 de agosto no apagamento dun incendio industrial na sede da Conserveira Miramar no lugar de Rianxiño. O lume declarouse ao mediodía e ao pouco de detectarse a nave foi desaloxada de traballadores (arredor dun centenar de persoas), polo que só houbo que rexistrar danos materiais (o derrube do teito e outros danos). As primeiras pescudas apuntan a que as lapas tiveron a súa orixe na zona de caldeiras. O lume provocou unha densa fumareda visíbel dende diferentes puntos do concello e da comarca.




