Estevsábado 16 de agosto, véspera do Día da Galiza Mártir, celebrouse no Confurco (Lousame) un acto público en memoria de María Xosefa Becerra Laiño, coñecida como Mari Pepa, veciña da aldea de Marselle e primeira muller asasinada na comarca de Noia polo réxime franquista.
O evento contou coas intervencións de Anxo Moledo, voceiro local do BNG; da deputada provincial Sol Agra; e do historiador Xerardo Agrafoxo. Tamén estiveron presentes representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza. A homenaxe completouse cunha ofrenda floral no monumento dedicado ás vítimas da represión.

Moledo, encargado de conducir o acto, subliñou a importancia de reivindicar a memoria das persoas perseguidas e represaliadas no concello, lembrando especialmente a figura de Mari Pepa, unha das vítimas do triplo crime de Marselle, ocorrido en 1938.
Pola súa parte, Agrafoxo, doutor en Historia pola USC e autor da triloxía A Guerra Civil en Lousame e Noia, compartiu parte do seu labor investigador, que recolle testemuños de veciños e familiares das vítimas. Entre eles destacou a voz de Rosa Moure Becerra, filla de Mari Pepa, a quen puido entrevistar no marco dos seus estudos.
Sol Agra puxo o acento na importancia do compromiso institucional coa memoria democrática, lembrando que historias como a do triplo crime de Marselle non deben caer no esquecemento. “Coñecer o pasado e poñelo en valor é a mellor forma de facer xustiza”, afirmou.
No marco das accións polo Día da Galiza Mártir e atendendo á Lei de Memoria Democrática aprobada en 2022, Moledo anunciou que o grupo municipal do BNG proporá nomear a Mari Pepa filla predilecta de Lousame a título póstumo, como recoñecemento á súa figura e ao sufrimento padecido.
A lei estatal de Memoria Democrática establece un marco normativo para honrar ás persoas que loitaron pola liberdade e a dignidade, promovendo unha cultura cívica baseada na paz, no pluralismo e na condena de calquera forma de totalitarismo.



