A Policía Local de Rianxo está a realizar estes días críticos do mes de agosto (críticos por vento do nordés, falta de chuvias, a baixa humidade e a calor abafante en moitas zonas da xeografía galega) intensas tarefas de vixilancia en prevención de incendios forestais nos montes do concello e do Barbanza. Lembran os axentes que o risco de lumes é “extremo”, dadas as condicións meteorolóxicas existentes, realizando patrullas por pistas que discorren polos montes do concello. Estas actuacións, indican os axentes, encádrase nun operativo de vixilancia no que participan outros corpos e forzas de seguridade, ademais do persoal que realiza labores de extinción dos incendios.
A Policía Local lembra a cidadanía a necesidade de extremar a precaución e que estes días, até novo aviso, están prohibidas todas as queimas agrícolas e forestais, así como tamén outro tipo de actividades ou accións que poden ser perigosas. Apelan tamén á colaboración cidadá: no caso de vermos condutas sospeitosas no monte, cómpre denuncialas aos corpos e forzas de seguridade.




