
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) organiza os días 28, 29 e 30 de agosto unha edición especial e exprés da campaña Stocks Fora Boiro, coa que se busca dar saída aos últimos produtos da tempada de rebaixas de verán e dinamizar o comercio local.
Durante estas tres xornadas, os establecementos ofrecerán descontos especiais e oportunidades únicas directamente nos seus locais.
Segundo explica a patronal de Boiro, esta iniciativa complétase cunha campaña de publicidade dixital que inclúe un vídeo promocional elaborado para a ocasión e accións específicas nas redes sociais da ABE, animando á clientela a achegarse a Boiro para aproveitar as últimas ofertas.
Un dos principais atractivos será que, durante a campaña, todas as persoas que rexistren os seus tíckets de compra en www.abe.gal obterán o dobre de puntos, que poderán trocar polos agasallos dispoñíbeis no catálogo da asociación.
Con esta iniciativa, a Asociación Boirense de Empresas pretende “reforzar a actividade comercial no final da tempada de rebaixas, atraer visitantes á vila e poñer en valor o comercio local, que se caracteriza pola súa proximidade, calidade e atención personalizada”, segundo sinala a ABE na presentación desta iniciativa.



