Artemar desembarca en Ribeira o vindeiro xoves 14

11 Agosto 2025

O concelleiro de Turismo e Festexos de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, presentou este luns o programa de actividades da nova edición da feira artesanal e mariñeira, Artemar 2025. O edil anunciou que a feira celebrarase do 14 ao 17 de agosto e contará con preto de noventa stands –17 de alimentación, 3 de restauración e o resto de artesanía variada–, así como espectáculos infantís, animación de rúa e espectáculos nocturnos a cargo da empresa AMB que está especializada neste tipo de eventos.

Suárez-Puerta manifestou que a rúa de Galicia “será a principal zona dos postos da feira e actividades complementarias”. Engadiu que “alongaremos a feira dende o Cruceiro da Saúde até chegar a Bandourrío pola rúa Manzanares até a praza de Teruel”. O concelleiro quixo deixar claro que “se vai priorizar a visibilidade do comercio local de forma que non se oculte ningún escaparate do comercio local”.

Un dos requisitos obrigados para a empresa adxudicataria é o de adobiar as rúas onde se desenvolve a feira e algunhas do entorno máis próximo; insistindo na utilización de redes, apeiros de pesca e similares de temática vinculada ao sector pesqueiro, onde predominarán as cores branca, vermella e azul.

Contarase con animación das rúas, obradoiros infantís e os espectáculos nocturnos, “xa que teremos un mínimo de 3 horas de obradoiros infantís o xoves –primeiro día– e un mínimo de 6 horas de de obradoiros cada un dos demais días –venres, sábado e domingo–, así como dous espectáculos nocturnos cada noite”, informou o concelleiro.

O vindeiro xoves 14 las 18:00 horas procederase á apertura oficial da feira: “Contaremos cun pregón inaugural con presencia das compañías da feira e representantes da Corporación ás 20:00 horas na Porta do Sol”.

O concelleiro quixo recalcar que esta feira “contribúe, xunto con outras accións que desenvolvemos ao longo do ano, a dinamizar e animar turisticamente o noso municipio e tamén serve para dar un impulso económico local ao crear sinerxías co tecido comercial e hostaleiro da nosa cidade, sendo pois unha oportunidade de negocio ao atraer a un bo número de persoas até Ribeira que tamén van consumir e mercar nos negocios da nosa cidade”.

Amais, haberá un Concurso de Decoración de Establecementos, nel poderán participar tódolos negocios da cidade sen necesidade de inscribirse, polo que “dende o Concello lánzase un convite ao tecido empresarial local a adobiar os seus establecementos con temática mariñeira coincidindo coa feira, do 14 ao 17 de agosto”. Os negocios mellor valorados elixiranse por votación popular, acudindo á Oficina de Turismo do Malecón e cubrindo unha papeleta cos seus datos. Os tres establecementos do comercio local mellor valorados recibirán un agasallo e tamén entre tódalas persoas que participen na votación, entrarán nun sorteo de agasallos sorpresa. Poderase votar presencialmente na Oficina de Turismo do Malecón en horario continuo de 10:00 horas a 20:00 horas de luns a venres e de 10:00 horas a 18:00 horas o sábado mailo domingo.

Ademais a empresa organizadora deberá reservar un mínimo de metros do percorrido para postos de artesáns ou empresas con domicilio fiscal no Concello de Ribeira, aos que se lle aplicará unha bonificación do 50% sobre o prezo xeral pola instalación do posto. Polo que Suárez-Puerta animou a aquelas empresas ou artesáns interesados a contactar coa empresa nestes días previos “para participar, facilitaremos o contacto nas concellerías de Turismo e Festexos (Oficina de Turismo ou Centro Cultural Lustres Rivas)”.

Tamén resaltou a importancia da participación das empresas locais, “e tamén é importante a participación da veciñanza, por iso dende aquí animamos á cidadanía a implicarse na celebración e gozo desta feira, e que acudan con vestimenta relacionada co mundo mariñeiro e da pesca”, sinalou.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...