Juan Caballero (texto e fotos). O XI Trofeo Pitusa Sabín – XXXVII Regata Mar de Finisterre, que organiza o Real Club Náutico Portosín os días 23 e 24 deste mes de agosto, xa se atopa preparada para largar amarras desde a ría de Muros e Noia, cun emblemático percorrido que levará á frota ata a mesma enseada de Fisterra, onde na entrada á ría de Corcubión ergue da mar o mítico faro do Carrumeiro Chico, que os veleiros terán que dobrar para emprender a baixada ata a mesma bocana de entrada ao porto da sociedade deportiva.
A proba deportiva, presentouse no Salón Social do Club, nun acto que conduciu a súa vicepresidenta, Pepa Castro, acompañada dos directivos José García e Jesús Fernández, así como do seu comodoro, Miguel Reboreda, que explicou os detalles máis técnicos da regata, asistindo en representación do Concello de Porto do Son o seu concelleiro de deportes, Carlos Lorenzo, e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Portosín, Isaac Gaciño, sendo os principais protagonistas da rolda de prensa, Dominga Sabín (Pitusa) e o seu esposo Jacinto Hernández, patrocinadores da regata.

“Gustaríame destacar, en primeiro lugar, a colaboración de Pitusa e de Jacinto, como socios deste club, e o apoio que deron durante todos estes anos, a esta regata que, para nós, como club, é moi importante”, explicaba Castro, engadindo que “pero sobre todo polo seu agarimo, pola súa entrega imprescindíbel para a vida deportiva da nosa sociedade”
“Esta é unha regata emblemática que alcanza as 37 edicións, un número moi respectábel dentro das que se organizan en Galicia”, dicía o Comodoro.
“A regata está dividida en dúas clases: os ORC, que o sábado navegarán un traxecto longo coa subida e baixada ao Carrumeiro Chico; e os Open, cun bo número de embarcacións do club, que realizarán un percorrido interior pola ría”, detallaba Reboreda.
Jacinto Hernández con xesto emocionado e de agarimo cara á súa muller, Pitusa, agradecía o empeño e esforzo que tanto o club, os seus traballadores, a Confraría de Pescadores e o Concello de Porto do Son “puxeron para poder organizar esta regata, sendo todo un orgullo o formar parte do Trofeo Presidente Xunta de Galicia”. Especialmente Hernández facía fincapé na Confraría e felicitouna por conseguir un novo dique para o abrigo dos seus barcos, “téndoos sempre presentes nesta convocatoria” concluía.

Pechaba a quenda de intervencións o concelleiro de deportes quen en nome do Concello de Porto so Son, agradecía a Pitusa e a Jacinto por “involucrarse co Náutico de Portosín e co noso pobo, sobre todo para poder gozar dun gran evento do deporte da vela aquí, na nosa comarca”, terminaba dicindo Lorenzo.

A primeira proba programada para o sábado 23 de agosto será un trazado costeiro de 40 millas náuticas, uns 74 quilómetros entre Portosín e a enseada de Fisterra, de ida e volta, facendo paso intermedio polo Faro do Carrumeiro Chico, moi próximo á boca de entrada da ría de Corcubión. Os máis pequenos realizarán un percorrido polo interior da ría de Muros e Noia dunhas 10 millas, un 18 km., sendo, con toda probabilidade, a súa metade de trazado unha boia fondeada nas inmediacións da praia de Arnela.
O domingo día 24 o Comité da Regata ten programado celebrar dous bastóns ao vento, os clásicos barlovento-sotavento polo interior da ría de Muros e Noia.
A saída, en ambos os días da fin de semana, está programada ás 12.00 horas do mediodía o sábado e ás 11 na xornada dominical.

Estímase unha participación próxima ás 30 unidades entre os que non faltarán os dous líderes do Trofeo Presidente Xunta de Galicia, o Mirfak, da Armada Española, patroneado por Diego López; o Urbapaz, de Fran Edreira, do Club Náutico de Cabanas, que vén de gañar o Rías Baixas; o Peperetes Nortemar, de José Manuel Millán, do Real Club de Regatas de Galicia, que levou a primeira proba do Campionato de España de Cruceiros, en Aguete; ou o Deep Blue, de Vicente Cid, do Real Club Náutico de Vigo, primeiro en ORC 3, no Rías Baixas.
Soan nomes favoritos ao triunfo como o Siradella, de César Álvarez e Francisco Gude, de Portosín; o Sara 3.0, de Rafael Blanco, do Monte Real Club de Iates de Baiona; ou o Bon III, de Víctor Carrión, do Club Náutico Punta Lagoa, entre moito outros.
A Mar de Finisterre – Trofeo Pitusa Sabín puntúa para a Copa de Galicia de Clubs, clasificatoria galega para o Campionato de España de Cruceiros e puntuábel para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia Circuito Alto Nivel.



