A ONU fíxase no río Tins e no impulso de conservación do proxecto ReNatur_Outes

29 Agosto 2025

O proxecto ReNatur_Outes suma recoñecementos. Un informe preparado polo Secretario Xeral da ONU e dirixido á Asamblea Xeral da organización internacional destacou o caso da Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá, aprobado por unanimidade do pleno da Corporación en 2024, como exemplo do recoñecemento dos Dereitos da Natureza e de como estes contribúen para o desenvolvemento sostíbel.

Recollida de sinaturas na Feiriña de Outes a prol da declaración de protección do río

O caso pioneiro da Serra de Outes impulsado dende o proxecto local Renatur preséntase como “exemplo a nivel mundial do recoñecementos destes dereitos desde o ámbito local, servido como elemento para as recomendacións para os estados membros da ONU e o propio sistema das Nacións Unidas para desenvolver un enfoque centrado na Terra”.

Dende ReNatur salientan que “a declaración aprobada no seu día polo pleno do Concello de Outes fixo historia acordando por unanimidade a un texto consensuado pola veciñanza durante un proceso participativo”. Trátase da primeira vez que un concello recoñece expresamente os dereitos dun elemento natural, neste caso os do río Tins, incluíndo o dereito á protección e á conservación, ou a non ser danado nin contaminado. A Declaración tamén asume unha serie de compromisos colectivos para asegurar que estes dereitos son respectados.

A Declaración inclúe 10 dereitos e 14 compromisos que xurdiron das discusións nas que participou o tecido asociativo local, a comunidade educativa e a veciñanza a título individual, así como representantes do propio Concello de Outes e das institucións que participan do proxecto ReNatur_Outes, de cuxo proceso xurdiu a Declaración agora aprobada.

A Declaración pretender servir como marco para orientar as políticas públicas relativas á xestión do espazo fluvial do río Tins e tamén como referente para iniciativas da propia sociedade civil, comunidade educativa e do tecido empresarial do concello, que xa está a traballar en diversas iniciativas asociadas ao coidado e posta en valor de todo o que representa o Tins.

5 de setembro: Coloquio sobre os Dereitos do Tins

Ao fío desta Declaración, o venres 5 de setembro terá lugar en ULA Libraría Social (Rúa da Capela, 11) un coloquio aberto a todos os públicos sobre os Dereitos do Tins. Organizado por veciñanza da Serra de Outes, o evento procura achegar a Declaración de Dereitos do río Tins e as restantes actividades do proxecto ReNatur_Outes á comunidade, presentando resultados, respondendo a cuestións e discutindo sobre o futuro do río. O coloquio con representantes das universidades, Fundación CEER e Fundación Montescola comezará ás 18:00 e continuará cun roteiro curto desde a Horta do Muíño no que se poderán coñecer algúns dos resultados do proxecto (refuxios de coleópteros, reintrodución de fieitos relictos, plantación de árbores e arbustos, caixas niños e zonas de control de invasoras).

Proxecto ReNatur_Outes

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. “Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto”, explica o equipo responsábel desta modélica iniciativa ambiental.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leer, la vida”. Alberto Barciela

“Leer, la vida”. Alberto Barciela

Antes de conocer el mundo, lo leímos. Antes de caminarlo, ya habíamos recorrido sus sendas, descifrando la urdimbre, esa palabra hermosa que nace del latín ordiri para tramar o tejer nuestra propia existencia. Fuimos porque otros soñaron antes. Navegamos con...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.