Este xoves 7 de agosto pola tarde celebrouse en Noia a gala de entrega do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, acto que puxo o ramo ao 12º Festival Internacional de Arpa da Vila de Noia – Noia Harp Fest, celebrado entre o 30 de xullo e o 2 de agosto e que culminou co devandito evento de clausura. Participaron, entre outras/os, o co-director do festival, Rodrigo Romaní, a delegada da Xunta, Belén do Campo, e máis o alcalde de Noia, Santiago Freire. A gala foi o marco para a estrea mundial da obra gañadora do premio, titulada Cuatro historias gallegas, do guitarrista e compositor arxentino Federico Beilinson; mais tamén da mención de honra, Folías Celtas, do uruguaio afincado na Coruña Gabriel Bussi.

O Premio Internacional de Composición Portus Apostoli é un certame innovador promovido polo Noia Harp Fest e polo Concello de Noia que procura aumentar o repertorio para arpa e orquestra. A súa cuarta convocatoria, aberta a compositoras e compositores de todo o mundo, xa está en marcha desde o mes de maio e recibirá partituras orixinais ata decembro. Coa estrea da última gañadora, e grazas á colaboración da Real Filharmonía de Galicia, o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia botou o pano até o 2026.

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é o único festival dedicado ao instrumento en todo o noroeste peninsular. A interpretación musical a través da arpa foi o eixe que vertebrou unha programación que, cada verán, reuniu diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes. O Noia Harp Fest, que decorreu do 30 de xullo ao 2 de agosto e que este xoves 7 de agosto celebrou a Gala de Entrega do Premio Portus Apostoli, presentou un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec, Claudia Besné, D’Súpeto, Francesca Romana Di Nicola, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito, ademais da Real Filharmonía de Galicia, actuaron nun evento que tamén promove o único Encontro do alumnado de arpa das escolas de Galicia.
Este 2025, Noia acolleu trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica praza do Tapal, o Liceo de Noia, a praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. A 12ª edición do festival está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e contou co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E; ademais da colaboración da Deputación da Coruña.
Durante a gala, a delegada felicitou ao compositor arxentino Federico Beilinson, gañador do primeiro premio “Portus Apostoli”, recoñecendo a calidade da súa obra e a súa achega á música contemporánea para arpa. O certame, de carácter internacional, consolidouse como unha plataforma de referencia para a creación musical arredor deste instrumento.
O Noia Harp Fest, creado no ano 2022, conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa Concertos do Xacobeo, cunha achega superior aos 24.000 euros, e tense convertido nunha cita cultural destacada dentro da programación musical do verán galego.
A representante do Goberno galego destacou a importancia deste tipo de iniciativas que combinan excelencia artística, proxección internacional e dinamización cultural, poñendo en valor o compromiso institucional co impulso da cultura e o talento creativo dentro e fóra de Galicia.



