A Asociación Boirense de Empresas (ABE) inaugurou este sábado 16 á súa campaña máis ambiciosa ata a data: Boiro, Compras con Corazón, que se celebrará do 16 ao 23 de agosto en distintos puntos da vila. O acto inaugural tivo lugar diante do Mercado Municipal de Boiro, combinando gastronomía, música en directo e actividades para toda a familia.

O evento comezou ás 13:15 horas coa degustación de máis de 500 tapas de mexillón, elaboradas polo chef Miguel Mosteiro en colaboración coa Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz – Boiro. Os asistentes intercambiaron os seus Vales Corazón polas tapas e, só nas dúas primeiras horas da campaña, entregáronse 850 rifas para o sorteo final de 5.000 €. Ademais, xa se distribuíron 400 bolsas exclusivas da campaña, deseñadas pola ilustradora local Thaís Tomé.

A gran acollida da xornada deixou unha imaxe das rúas de Boiro ateigadas de xente, confirmando o éxito da iniciativa dende o seu arranque.

Daniel García, presidente da ABE, destacou que “esta campaña é unha oportunidade única para poñer en valor o comercio local de Boiro e reforzar a conexión coas familias da nosa vila”.

José Ramón Romero, alcalde de Boiro, sinalou que “apoiar ao tecido empresarial local non só dinamiza a economía, senón que tamén enriquece a vida social e cultural de Boiro”.

Na cita tamén participou o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, quen comentou que “esta campaña foi seleccionada como un dos cinco proxectos de dinamización extraordinaria elixidos pola Xunta de Galicia. É un exemplo de como a colaboración entre administración e tecido empresarial local pode impulsar iniciativas innovadoras, atractivas e de gran impacto para toda a comunidade”.

Durante o acto de hoxe, os representantes dos comercios locais presentaron a campaña tanto a residentes como a turistas, acompañados de música en vivo e degustación da gastronomía da zona para todas as persoas que se achegasen.

Nos vindeiros días, as rúas de Boiro acollerán un amplo programa de actividades para todos os públicos, que incluirá sorteos, agasallos, ruadas, parques inchábeis… co foco no fomento do comercio de proximidade. Os clientes poderán trocar os tíckets de compra por agasallos exclusivos, ademais de recibir unha participación por cada 10 € de compra para o sorteo de 5.000 €.
O director xeral felicitou aos organizadores da campaña, destacando que este tipo de accións poñen de manifesto a importancia do consumo no comercio local, aportando visibilidade aos establecementos da zona, consolidando a entidade local e fomentando a creación dunha rede de sinerxías e colaboración entre os negocios da contorna.



