
Volven as visitas guiadas e comentadas do Museo Valle-Inclán da Pobra, unha das iniciativas máis destacadas do panorama turístico-cultural da nosa comarca. Segundo confirmou o director do Museo, Antonio González Millán, este venres 11 de xuño celebrarase unha nova actividade comentada para dar coñecer a Torre de Bermúdez, o Museo Valle-Inclán e os seus importantes tesouros.
Formato divulgativo
Deseñadas no formato de encontros divulgativos para todos os públicos e como citas de lecer estival para grupos reducidos, ata completar cabida, estas visitas son gratuítas mais precisan de anotación previa.
Ofertadas en quendas de mañá e tarde, contemplan a historia, a arte e o significado da decoración renacentista da Torre dos Valle Bermúdez (séc. XVI), declarada Monumento Nacional de Carácter Histórico-Artístico e Ben de Interese Cultural de España e de Galicia en razón dos valores arquitectónicos, estéticos e vencellos familiares e artísticos do inmóbel co universal autor galego, e logo de explicado o edificio, en especial, o acceso ao interior do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, distinguido por ser a institución valleinclaniana decana do país así como pola senlleira colección dos seus fondos manuscritos, libros de época, pezas das belas artes, vestiario teatral, mobiliario e obxectos de certo pertencentes e autenticados como propios do literato máis traducido da literatura hispana (35 idiomas do planeta na actualidade), reunidos nos seus 39 anos de actividade.
Impartidas por persoal especializado en historia da arte e crítica biográfica e literaria de Ramón del Valle-Inclán, nesta ocasión por Antonio González Millán, director e técnico conservador da institución, estas visitas periódicas son parte destacada dos servizos de extensión cultural e de turismo literario inspirados no autor de Divinas palabras a quen Alfonso Castelao cualificaría como “o mellor artista de Galicia” (Valle-Inclán y Galicia. La Habana (Cuba), 1939) .
Data: venres, 11 de xullo
Horario: mañá 11:00 h // serán 17:30 h
De balde ata completar grupo (máximo 15 persoas)
As persoas interesadas en disfrutar desta actividade poden inscribirse presencialmente ou tamén a través dos teléfonos do Museo: 981 83 16 62 (no horario de apertura ao público), 619 05 05 23 (fora de horario, mediante Whatsapp) e do correo electrónico: museo.valleinclan@apobra.gal.
Máis información na web do Museo.




