
En época estival sempre hai un pouco máis de tempo para pensar e lembrar. Hai case dúas décadas, comezamos chamando ás portas dos despachos oficiais e das diferentes entidades financeiras para que comprendesen que os contratos hipotecarios non eran unicamente un acto privado senón que repercutía sobre un ben de primeira necesidade, como era a vivenda.
Fixo falta moito pedagoxía e presión mediática para que as Administracións Públicas e os seus gobernantes fosen conscientes de que non podían consentir centenares de desaloxos, por sentenzas xudiciais, de familias humildes nas súas vivendas habituais e as das súas avalistas, que logo quedarían coa débeda. É dicir, o banco quedaba coa túa casa, coa dos teus pais e ademais tiñas que continuar pagando a hipoteca pendente. Iso, era absurdo, abusivo ademais de inxusto. Levou o seu tempo pero ao final foron entrando en razón e empezaron a tomar as primeiras medidas.
As entidades financeiras loitaban, con unllas e dentes, para que todo seguise igual pero os dirixentes políticos comezaron a desenvolver disposicións legais para protexer as familias máis vulnerábeis, falaron das alternativas habitacionais; das moratorias; dos refinanciamentos hipotecarios; da dación en pago; do Código de Boas Prácticas Bancarias; da Lei da Segunda Oportunidade; da obriga de facilitar alugueiros sociais por parte das entidades financeiras e grandes propietarios e outra serie de medidas tendentes a que as familias non chegasen a abandonar as súas vivendas habituais, por causas económicas sobrevindas.
Moito anos de loita constante, recibindo e visitando a familias humildes de moitas comarcas de Galicia. Suicidios, depresións, ansiedades, separacións matrimoniais, niñ@s menores con secuelas psicolóxicas, polo que vían nos seus fogares. Por parte dalgunhas entidades financeiras, moito prepotencia, acoso, humillacións cara ás familias que non podían facer fronte ás súas hipotecas.


