
Andrés Fernández García era un home de mar que quedou na seca da vida cando el e os seus facían plans para vivir unha xubilación máis que merecida. Andrés, coñecido en Ribeira polo alcume de “O Maricolo”, finou este domingo e o seu corpo recibirá na tarde deste luns no cimeterio de Santiago do Deán (A Pobra do Caramiñal) o descanso gañado coa súa bonhomía, evidenciada durante o exercicio das súas funcións coma profesional do mar, entre estas as propias de quen, en calidade de integrante do equipo de gardapescas da Consellería do Mar, levou a cabo durante anos.
A familia de Andrés perde, co seu falecemento, un piar indispensable (por máis que durante os derradeiros anos, a enfermidade xa non lle permitía moito máis aló que a expresión do seu agradecemento, facendo extensivo este ás visitas de amigos e compañeiros que nunca o esqueceron).
Sendo ambos os dous da mesma idade, fixemos froitífera, longa e sincera amizade desde cando, de rapaz, vivía con seus pais e irmáns a escasos 50 metros fronte a onde ata hoxe aínda manteñen en pé a pastelaría A Maricola, afamada desde vai máis de medio século pola calidade dos seus roscóns. Con obradoiro na avenida Rosalía de Castro, de Ribeira, dese obradoiro (no que tamén Andrés e os seus irmáns traballaron man a man cos seus pais) enchían diariamente a rúa dese doce recendo emanado dos roscóns. E Andrés, ao igual que os seus irmáns, gabábanse da calidade dun produto cuxa sona trascendía o ámbito local.
Máis Andrés, ao igual que o seu pai e irmáns Manolo e José Antonio, tiña querenza polo mar e convertíuse nun xefe de máquinas que exerciu coma tal en distintos conxeladores. Profesional moi recoñecido foi inspector de máquinas en Pescanova e, xa poucos anos antes da súa xubilación, pasou a formar parte do servizo de inspección pesqueira da Xunta.
Doce anos pasaron desde o accidente caseiro que o inmobilizou. O mar e os compañeiros de faena sabían del polo silencio da súa ausencia. El, Andrés, que tantas veces se achegou aos estudos de Radio Nacional de España na Coruña, para botarmos unha parolada sobre os contidos do programa “Españoles en la Mar” que escoitaba diariamente con verdadeira devoción de amigo de “toda a vida”. Descansa en paz, Andrés.
…