Presentada no rexistro municipal de Noia unha moción de censura

28 Xullo 2025

Os grupos municipais do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Cidadá de Noia e o concelleiro non adscrito Luis Alamancos Pampín presentaron este luns de forma oficial unha moción de censura contra o actual alcalde de Noia, José Santiago Freire Abeijón (PP). A iniciativa conta co apoio de nove concelleiros, o que representa a maioría absoluta do pleno, e cumpre os requisitos legais establecidos pola Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), así como o criterio marcado pola Sentenza do Tribunal Constitucional 134/2025.

A moción ten como obxectivo, segundo os seus promotores, “restaurar a legalidade institucional, recuperar a confianza cidadá e impulsar unha xestión pública baseada na transparencia, a planificación e o ben común”.

Críticas á xestión do actual goberno local

Na exposición de motivos, os asinantes denuncian a existencia dunha situación de deterioro institucional e acusan ao goberno de Freire Abeijón de falta de transparencia, “uso abusivo da contratación menor” e inxestión económica, entre outros problemas. Apuntan á existencia de infraestruturas abandonadas ou infrautilizadas —como o centro de Abruñeiras, o albergue, a praza de abastos ou a piscina municipal—, así como unha situación financeira crítica, con débeda elevada, obrigas pendentes coa Mancomunidade, conflitos laborais e procedementos xudiciais que poderían supoñer un impacto económico superior aos cinco millóns de euros.

Tamén se sinala a inacción en áreas clave como igualdade, vivenda, servizos sociais e apoio ao tecido económico local, así como a ausencia de proxectos de futuro e planificación estratéxica.

Francisco Pérez Caamaño, candidato á Alcaldía

Como alternativa de goberno, a moción propón como novo alcalde a Francisco Pérez Caamaño, actual concelleiro do PSdeG-PSOE, quen conta co apoio dos catro grupos impulsores. Os asinantes destacan o seu perfil de consenso e compromiso con “un novo tempo de gobernanza dialogante, plural e efectiva”.

Pérez Caamaño comprométese a impulsar un executivo que aposte pola rexeneración institucional, a activación dos servizos municipais e o desenvolvemento de políticas públicas baseadas no interese xeral.

Un novo rumbo político

Os promotores da moción destacan que esta medida responde a un exercicio de responsabilidade política, máis alá das siglas. “A veciñanza de Noia merece un goberno que planifique, que renda contas e que poña os intereses colectivos por riba das inercies partidarias”, sinalan.

En declaracións públicas, o candidato Francisco Pérez afirmou:

“Esta moción de censura é un exercicio de responsabilidade política. Queremos devolverlle á xente de Noia un Concello á altura das súas aspiracións, e abrir un novo tempo de goberno útil, dialogante e con proxecto”.

A tramitación da moción seguirá agora os prazos legais establecidos, á espera do seu debate e votación no pleno municipal, que podería dar lugar a un cambio na Alcaldía de Noia nos vindeiros días.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.