Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza (CRMHB)
queremos expresar a nosa profunda preocupación pola situación de abandono
institucional que sofre o Museo Carlos Maside, símbolo da memoria cultural e
democrática de Galicia.
Resulta inxustificable que a día de hoxe a Xunta de Galicia manteña paralizado o
expediente de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) deste espazo único,
creado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo en plena ditadura franquista, como
proxecto de resistencia cultural, recuperación da dignidade colectiva e rearticulación da
identidade galega na diáspora e no país.
A colección que alberga o Museo Carlos Maside é de incalculable valor artístico,
histórico e simbólico, tanto polo seu contido como polo espírito que a sostén. A súa
situación de indefensión legal compromete non só a conservación das obras, senón
tamén a súa función pedagóxica e social, nun momento no que a memoria histórica e
cultural debería ser unha prioridade das institucións públicas.
Por todo isto, esiximos á Xunta de Galicia que resolva de xeito urxente o expediente de
declaración BIC e que adopte as medidas necesarias para garantir a protección,
recuperación e dinamización do Museo Carlos Maside, como espazo fundamental do
noso patrimonio democrático.
Non é só unha cuestión de cultura: é unha obriga ética coa memoria do país.
Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza
Rianxo, 19 de xullo de 2025



