
O 24 de xullo o humorista galego Pepo Suevos estará na praza de Macías, en Padrón, no marco das Festas do Santiaguiño, para ofrecer unha parada do seu espectáculo itinerante A xira do cuarto do século. Será ás 21.30 horas do 24 de xullo.
O coñecido humorista e actor Pepo Suevos leva 25 anos sobre os escenarios e celébrao cunha xira que inclúe, co patrocinio da Secretaría Xeral de Lingua, cinco concellos da Rede de Dinamización Lingüística, entre os que se conta Padrón. No espectáculo Suevos fai un divertido repaso polo seu cuarto de século contando historias e divertindo ao público. O artista promete un repaso polos mellores intres da súa carreira, cunha mestura de monólogos clásicos e novos contidos que conectan coa actualidade social e cultural de Galicia.



