O programa Saudade puxo en valor a gastronomía do Barbanza

15 Xullo 2025

Este luns 14 de xullo celebrouse no Barbanza a primeira xornada de Saudade, evento organizado por Turismo da Deputación que reúne en diferentes puntos da provincia a 13 chefs con máis de 20 estrelas Michelín do 14 ao 15 de xullo co obxectivo de promocionar o sector agroalimentario da Coruña. A comarca do Barbanza e os seus produtos foron os protagonistas na xornada de apertura. Entre viñedos, bateas e o peixe máis fresco, as persoas asistentes descubriron de primeira man o que hai detrás dalgúns dos produtos máis emblemáticos do noso mar.

O vicepresidente, Xosé Regueira, exerceu de anfitrión, xunto ao alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e o da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, que acompañaron durante a visita aos recoñecidos cociñeiros e cociñeiras Alberto Chicote, Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregi, Maca de Castro, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez e os galegos Javi Olleros, Xosé Cannas, Manuel Costiña, Lucía Freitas e Pepe Solla.

Regueira destacou que o “protagonismo” deste evento “é dos nosos produtores
e produtoras locais, que están facendo un excepcional traballo de compromiso co territorio, innovación e ao mesmo tempo de gran calidade e autenticidade, polo que queremos celebrar este momento doce do noso sector tanto agroalimentario como da restauración”.

Os produtores participantes que estarán presentes nas xornadas ofrecendo mostras da súa materia prima son A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cafés Lúa, Chichalovers, Cienporcel Abastos, Empanadas Costumes Galicia, Empanadas Ternura, Galmesán, A Despensa D`Lujo, Mariscos de Barallobre, Orixes Galegas Porco Celta, Pagos de Brigante, Percebe da Barca Muxía, Vermú Lodeiros e Xearte Brigitte.

Comezaba o día na adega Entre os Ríos (A Pobra do Caramiñal), onde todos os participantes tiveron a oportunidade de coñecer a bodega, coa súa historia; os viñedos e o proceso de cultivo do viño. Ao rematar, desfrutaron dunha cata de viño maridada con conservas e, posteriormente, trasladáronse á praia de Cabío para degustar algúns dos produtos do mar máis representativos do territorio.

Pola tarde, o equipo de Saudade trasladouse a Ribeira para embarcarse nun bateeiro e ver como é o proceso de captura dos mexillóns, e á Lonxa de Santa Uxía, para presenciar unha poxa de baixura en directo nun dos mercados máis relevantes do país. Para rematar, o compostelán Mercado de Abastos acolleu unha cea a base de produtos locais. Os cociñeiros e cociñeiras participantes valoraron moi positivamente a experiencia e amosaron o seu entusiasmo por coñecer os produtos da horta, máis descoñecidos – a diferenza dos do mar – durante a segunda xornada en Coristanco.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.