O Partido Popular de Ribeira volve saír á palestra para denunciar a “desvergoña” coa que, segundo critican, está actuando o goberno municipal na tramitación dos permisos necesarios para o montaxe das Festas do Verán. O grupo popular pon o foco, en concreto, na xestión do permiso por parte de Portos de Galicia, que consideran “negligente” por parte do executivo local.

Nun novo episodio de críticas, os populares aseguran que queda en evidencia a falta de atención que o goberno local presta á documentación, a pesar de contar con sete dedicacións exclusivas “que poderían revisar con detalle os expedientes entregados ao ente autonómico”. Segundo denuncian, esta deficiente xestión xa obrigou á contratación dunha segunda empresa para realizar os trámites, “o que implica un sobrecusto innecesario para as arcas municipais”.
A voceira do grupo municipal do PP critica con dureza a falta de previsión, especialmente cando restan só quince días para o comezo das festas. Subliña que se trata dun evento que require un plan de seguridade exhaustivo, “imprescindible para evitar riscos innecesarios”, e lamenta que non haxa, polo menos, dous concelleiros dedicados plenamente a buscar unha solución inmediata.
En defensa do papel de Portos de Galicia, a popular Sampedro destacou a súa axilidade na tramitación, sinalando que “responden con celeridade cada vez que o Concello achega documentación” e puxo como exemplo a rápida resposta ao cambio de zonificación solicitado polo goberno local, “que se tramitou case ao instante”.
Desde o PP lembran que as festas do verán son un evento que se repite cada ano nas mesmas datas, polo que a súa planificación debería estar integrada na axenda ordinaria do Concello. Denuncian que non se tiveron en conta os prazos nin a previsión necesaria para unha celebración que, ademais de festiva, representa un motor social, turístico e económico para Ribeira. “Unha mostra máis de que neste goberno non hai ninguén ao volante”, apuntan.
Críticas polo caos circulatorio
O grupo popular tamén aproveitou para denunciar o caos circulatorio rexistrado na xornada anterior, tras a apertura ao tráfico da rúa Miguel Rodríguez Bautista, nas inmediacións do Centenario. Acusan ao goberno local de actuar con “descontrol e absoluta falta de previsión” ao reabrir a vía sen rematar a sinalización, xerando un importante malestar entre a veciñanza.
Segundo os populares, este episodio é unha nova mostra da falta de diálogo e da “soberbia” que, din, caracteriza ao alcalde Pérez Barral, a quen acusan de gobernar “a base de ordeno e mando”. Critican tamén que se ignorasen as advertencias da Policía Local, que xa advertira dos posibles problemas, e afean ao rexedor que “se lle encha a boca defendendo aos técnicos noutros casos” mentres que aquí optou por desoír as recomendacións.



