
O Museo do Gravado de Artes (Ribeira) inaugura o vindeiro venres 18 de xullo a mostra Hortst Thürheimer: Paisaxes celestiais e naturais. A cita será ás 20.30 h na sala 0 do Museo do Gravado e contarase coa presenza do director do Museo, Pastor Rodríguez, e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral.
Horst Thürheimer (1952) é un artista de Ulm (Alemaña) que cultiva o debuxo, a pintura, a vidreira e o gravado, en palabras de Pastor Rodríguez “un exemplo perfecto para amosar que dende o mundo rural é posíbel abranguer o universal, dándolle ao público interesado a visión dun artista de prestixio en Europa, un artista poliédrico que aquí contemplamos no seu labor sobre o papel”.
En palabras do experto Christof Trepesch, o artista destaca pola súa capacidade para domar o conflito entre lume e papel, unha forza devoradora que Thürheimer domina cando, armado cun chisqueiro Bunsen, achégase ao papel e xera estruturas pictóricas que non só se integran na composición, senón que tamén cuestionan a propia esencia do medio papel. “O punto de partida de Thürheimer é sempre o material: unha combinación de soportes de papel, técnicas pictóricas e ferramentas diversas. O seu obxectivo: crear o máximo rango posíbel de formas e efectos cromáticos. Capas de cor superpóñense sutilmente, ata formar imaxes complexas onde a substancia mesma da cor dálle vida ás formas”.
O artista emprega principalmente ceras ao óleo de cores e grafito, “aplicados de tal xeito que a súa textura permanece sempre perceptíbel na delicada rede de relacións formais e cromáticas”, engade Trepesch.



