Este xoves, 17 de xullo, o músico multiinstrumentista Paco Nogueiras trae a Muros un espectáculo para toda a familia: Son Animal.
Será ás 21:00 horas na Praza do Cristo.
“Pretendemos que as actividades culturais e de lecer cheguen a todos os públicos, sen esquecernos dos máis pequenos”, comentou a concelleira de Cultura de Muros, Caridad González.
A proposta Son animal é unha homenaxe aos animais cos que convivimos, convertidos en divertidas cancións: hainos grandes, pequenos, con pelo, plumas, cornos, rabo, con catro patas, dúas… ningunha.
O espectáculo inclúe un feixe de cancións que nos levan polo mundo a través de diferentes estilos musicais: dende un aire portugués aos ritmos do leste de Europa, dende unha balada acústica a un animado rock&roll, dende unha marcha circense ate unha melodía de influencias andinas.




