Macías o Namorado une Padrón e Arjonilla, concellos formalmente irmandados

04 Xullo 2025

“Este irmandamento é un acto de compromiso cultural, xa que a figura de Macías o Namorado actúa como ponte entre Padrón e Arjonilla, e reafirma o noso legado histórico e literario”, asegurou este venres 4 de xullo o alcalde de Padrón, Anxo Arca, durante o acto de sinatura do protocolo de irmandade entre os concellos de Padrón (onde naceu o trabador medieval) e o municipio xienense de Arjonilla (onde morreu).

O alcalde andaluz, Luis Miguel Carmona, asinou no Libro de Honra do Concello deixando constancia do “orgullo” que lle produce asinar este irmandamento “que nace do corazón e mira ao futuro con esperanza, fraternidade e compromiso compartido”. Carmona amosaba o seu convencemento de que Macías inspire aos dous pobos a “seguir cultivando a amizade sincera, a cultura e o respecto mutuo”.

Despois de asinar o protocolo de irmandade, os dous alcaldes intercambiáronse agasallos como proba de amizade. Ademais duns pementos de Herbón Anxo Arca entregoulle á delegación andaluza produtos típicos de Padrón e uns libros. Pola súa banda, Luis Miguel Carmona obsequiou aos anfitrións cunha ánfora de barro antiga e aceite premium de Arjonilla.

A figura literaria de Macías o Namorado é o nexo histórico e cultural que une os municipios de Padrón e de Arjonilla. Orixinario da vila padronesa, este trobador medieval que viviu entre os séculos XIII e XIV é un referente da poesía de amor cortés e foi el mesmo motivo de inspiración para outros escritores por causa dos seus amores tráxicos, ao ser asasinado en Arjonilla polo marido da súa namorada, dona Elvira.

A irmandade entre Padrón e Arjonilla, que tras varios contactos concretouse o pasado mes de xaneiro na última edición de FITUR, permitiralles a ámbolos municipios reivindicar o seu legado histórico común e tender pontes de cooperación para desenvolver actividades conxuntas que fomenten o coñecemento mutuo e os vínculos sociais.

Despois de asinar o protocolo no salón de plenos, as comitivas de Padrón e Arjonilla, xunto coa veciñanza que participou no acto, trasladáronse ata o Xardín Botánico para facer una ofrenda floral, cunha coroa de loureiro, diante da estatua de Macías o Namorado. Suso Martínez, caracterizado como o trabador medieval, sorprendeu a toda a comitiva ao relatar a vida do homenaxeado. O acto oficial rematou na Biblioteca Municipal, onde ámbolos alcaldes fixeron un intercambio de libros.

Luis Miguel Carmona encabeza a delegación de Arjonilla que se trasladou ata Padrón e que está formada polos concelleiros de Cultura e Turismo, Antonio Pérez; e de Festexos e Deportes, Antonio Hernández; así como do técnico de dinamización cultural do concello xienense, Juan Cardeña. Acompañados polo técnico de turismo padronés, Alberto Rey, a delegación xienense aproveita a súa estadía para visitar a sede da Fundación Cela e a Casa Rosalía así como os lugares máis emblemáticos da capital do Sar.

Mañá, sábado, o alcalde de Arjonilla acompañará o rexedor padronés na inauguración da Feira Medieval de Padrón. Pola tarde, ás seis, un concerto de Xoán Curiel na igrexa de Santiago poñeralle a guinda ao encontro coa musicalización de poemas de Macías o Namorado.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...