As Forzas Armadas compartiron en Ribeira os detalles do seu importante traballo despregado na comarca para combater a lacra dos lumes forestais. O tenente de alcalde de Ribeira, Vicente Mariño recibiu este xoves 10 de xullo, nas dependencias do Concello, ao comandante Carlos Ramonell da Infantería de Mariña, ao tenente Ricardo Villena e o brigada Gonzalo Pita.

Ramonell informou que se está a realizar no territorio un recoñecemento previo para levar a cabo a Operación Centinela Galego, que vén sendo un dispositivo avanzado do Exército para a prevención de incendios forestais e de apoio aos corpos e forzas de seguridade do Estado nos diferentes municipios do Barbanza.
Esta operación estase levando a cabo mediante patrullas terrestres encadradas dentro da forza que comanda a Brigada “Galicia” VII de Figueirido (Pontevedra) e ten previsto rematar o seu traballo a finais do mes de setembro. A misión principal desta operación é evitar os incendios forestais mediante patrullas de disuasión, presenza e observación no marco do protocolo de colaboración conxunta do Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia froito dos incendios do 2006.
Dende a Brigada Galicia VII lévase un centro de estadística co apoio dos axentes forestais da Xunta para o rexistro dun histórico anual. O comandante de Infantería salientou que “estatisticamente nos últimos anos, derivado pola climatoloxía, houbo un descenso de incendios pero iso non quere dicir que no presente ano vaiamos atopar os mesmos rexistros, na nosa Brigada estamos preparados coma se foramos a abordar as peores condicións”
A operación, aparte de ter as patrullas terrestres tamén ten capacidade de observación aérea mediante drons.
Para rematar o tenente de alcalde, agradeceu o labor do exército nesta operación “polo seu labor disuasorio e de vixilancia para que os nosos montes conserven a súa biomasa”.



