Aceites Abril reivindica as redeiras de Aguiño

09 Xullo 2025

No marco do seu compromiso coa posta en valor do patrimonio galego, a marca galega Aceites Abril lanzou unha nova campaña baixo o paraugas Facendo mellor ás mellores, esta vez centrada no que a empresa ourensá cualifica como “un oficio silencioso pero imprescindíbel”, o das redeiras. Foron, engade a marca, “mulleres que durante xeracións repararon redes, remendado aparellos e que forman parte da alma mariñeira de Galicia”.

A campaña está protagonizada por cinco redeiras que representan diferentes puntos do litoral galego: Mar e María, da asociación Cabo Burela na Mariña lucense; Chus e Ana, da asociación O Fieital de Malpica de Bergantiños, nas Rías Altas; e Alicia, redeira de Aguiño-Ribeira, nas Rías Baixas – O Barbanza. Todas elas comparten oficio, experiencia e unha reivindicación común: dignificar o traballo das redeiras e reclamar o seu lugar na memoria colectiva.

“Mar, María, Alicia, Chus e Ana non só remendan redes: tecen memoria, cultura e resistencia. Son presente, pero tamén herdanza viva do mar en Galicia”, destacan desde Aceites Abril.

Esta acción súmase á liña de comunicación que a compañía ourensá vén desenvolvendo para reivindicar e mostrar as figuras de produtores e elaboradores, as tradicións ou o patrimonio inmaterial, e que desta volta pon o foco nas mulleres que traballan a pé de peirao para que os barcos poidan saír a faenar: “Porque sen redeiras non se pode ir ao mar e elas, a través do seu esforzo silencioso, tamén contribuíron á construción da cultura mariñeira de Galicia”.

Desde Aceites Abril sinalan que esta campaña busca recoñecer o papel histórico destas mulleres, visibilizar o seu presente e contribuír á preservación dun oficio que, aínda que minoritario, segue vivo grazas á súa forza e transmisión xeracional.

A campaña, que xa se atopa activa en redes sociais, medios dixitais e exteriores, foi desenvolvida internamente pola marca e apóiase “nun enfoque emocional e poético”. Cada unha das protagonistas conta coa súa propia peza narrativa, combinando retrato documental e sensibilidade estética, poñendo en valor a súa experiencia e as súas propias palabras.

Reivindicando o traballo da Federación Galega de Redeiras

Aceites Abril lembra que o oficio de redeira, aínda que recoñecido legalmente desde finais dos anos noventa, continúa enfrontando importantes retos que condicionan o seu día a día. Dende a Federación Galega de Redeiras Artesás trabállase activamente para dignificar esta profesión e garantir a súa continuidade como parte esencial do sector pesqueiro e do patrimonio inmaterial de Galicia. Entre as súas principais reivindicacións están o regulamento a nivel estatal da profesión de confección e mantemento de redes e aparellos de pesca, a loita contra o intrusismo profesional e a visibilización do seu traballo a nivel nacional. Tamén reclaman unha mellora real das condicións económicas e laborais, con especial atención aos riscos laborais e o recoñecemento das continxencias profesionais derivadas da súa actividade.

A isto súmanse demandas como a mellora das infraestruturas portuarias que empregan, a eliminación da fenda salarial con respecto a outros subsectores do mar e a necesidade de garantir a remuda xeracional mediante formación e oportunidades que permitan ás novas xeracións dar continuidade a este oficio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.