A Deputación da Coruña destina este ano preto de 800.000 euros para apoiar o traballo das confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia, dentro da súa aposta polo impulso ao sector pesqueiro artesanal, clave para a economía do litoral galego.

Por unha banda, a liña de subvencións destinada a actividades de funcionamento e promoción de produtos do mar reparte 647.200,60 euros en 36 axudas. Estas subvencións permiten, entre outras actuacións, financiar persoal administrativo e de vixilancia, mellorar a comercialización dos produtos do mar, manter postos de traballo, e promover o relevo xeracional nas confrarías. Ademais, inclúen tamén o apoio a festas gastronómicas de exaltación dos produtos locais, como a Festa do Percebe do Roncudo de Corme, a Festa da Centola de Lorbé, a Festa do Marisco de Barallobre (Fene), ou as xornadas de degustación da navalla e longueirón en Laxe e os produtos da Reserva Mariña de Lira – Os Miñarzos en Lira, Carnota.
A segunda liña orientada a investimentos, achega este ano 149.995,40 euros a nove confrarías (Carreira e Aguiño, Cedeira, A Coruña, Laxe, Malpica, Lira, Noia, Ribeira e Barallobre) para melloras nas infraestruturas e equipamentos. Entre as actuacións financiadas atópanse obras de rehabilitación e acondicionamento de locais, adquisición de vehículos para vixilancia e transporte, instalación de equipos informáticos ou medidas para a eficiencia enerxética e a transformación dixital dos pósitos.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que estas axudas “son fundamentais para garantir a viabilidade, a modernización e a profesionalización dun sector estratéxico para Galicia, que ademais de riqueza económica xera cohesión social, emprego local e mantén viva a nosa cultura mariñeira”.
“As confrarías xogan un papel fundamental nos municipios costeiros e merecen o apoio decidido das administracións públicas. Desde a Deputación da Coruña queremos estar ao seu carón, colaborando para que o mar siga sendo futuro”, engadiu Formoso.
O presidente provincial lembrou que nos últimos anos a Deputación da Coruña incrementou progresivamente as axudas ás confrarías de pescadores da provincia, que pasaron de 500.000 € a preto de 800.000 euros anuais e incluíron novas liñas demandadas polo sector como o apoio ás festas gastronómicas de produtos locais do mar.
Apoios no Barbanza
A Deputación achega 15.000 euros á Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño para a mellora da comercialización dos produtos pesqueiros en lonxa.
Ademais, a Confraría de Pescadores de muros recibe 24.000 euros para a optimización dos recursos non marisqueiros; a Confraría de Pescadores da Pobra recibe 19.000 euros para cubrir salarios e seguridade social do persoal administrativo e de limpeza do pósito; a Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz recibe 15.000 euros para a mellora da actividade funcional do pósito e da lonxa; a Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia recibe 19.000 euros para o mantemento de persoal; a Confraría de Pescadores San Pedro de Ribeira recibe 19.000 euros para mellorar a comercialización de produtos pesqueiros na lonxa; a Confraría de Pescadores San Telmo de Porto do Son recibirá 15.000 euros para a vixilancia dos bancos marisqueiros e a comercialización de produtos pesqueiros de difícil saída no mercado; e a Confraría de Pescadores de Rianxo recibe 15.000 euros para a contratación de persoal na lonxa.
En materia de investimentos, a Confraría de Carreira e Aguiño beneficiarase de 13.600 euros para a instalación de xanelas que melloren o illamento, a eficiencia enerxética e a seguridade, reducindo custos e pegada ecolóxica, e aumentando confort e sustentabilidade do edificio. Ademais, a Confraría de Ribeira beneficiarase de 21.000 euros para o arranxo do tellado, do faiado e da fachada do edificio da entidade.



