
A escola de música Pops-Rock School Ribeira organiza este venres 27 de xuño o FestiPoPS 2025, un festival que se consolida como unha cita musical clave para a mocidade galega. Con actuacións tanto pola mañá a partir das 12.00 como pola tarde desde as 20.00, o evento desenvolverase na rúa Mendiño e contará coa participación dunha decena de grupos musicais.
O FestiPoPS marca o final do curso escolar de Pops-Rock School e dá comezo ao esperado Verán Musical 2025, o programa estival da escola. Trátase dunha xornada musical na que non só actúan os grupos da escola anfitrioa, senón tamén bandas convidadas doutras escolas de música de Galicia, nun formato de intercambio que fomenta a colaboración e o crecemento artístico dos estudantes.
Este ano, o festival contará coa participación de formacións provenientes da Escola de Música da Pobra, a Escola de Música de Vilanova de Arousa e a Escola de Música Municipal de Moraña, amais dos grupos de Pops Ribeira. “A experiencia de tocar en lugares distintos e fronte a novos públicos supón un impulso fundamental para o desenvolvemento do alumnado en formación, non só a nivel técnico, senón tamén humano e escénico”, sinalan dende a organización do evento.
O FestiPoPS 2025 conta co apoio da Concellería de Festexos do Concello de Ribeira, un respaldo institucional que reforza o compromiso coa cultura local e a música como expresión identitaria. En palabras do director de Pops Ribeira, Rafa Figueroa, “estes encontros non só enriquecen ao noso alumnado, senón que tamén contribúen a dinamizar a vida cultural da cidade”.
A xornada dará comezo oficialmente ás 12.15 horas, coa intervención do concelleiro de festexos, Francisco Suárez-Puerta, e do propio Rafa Figueroa, quen inaugurará o festival. Xusto despois, será o grupo local The M&M’s o encargado de poñer as primeiras notas musicais a esta celebración de talento e creatividade novo.
Con máis de 7 horas de música en directo, o FestiPoPS 2025 promete “ser unha xornada inesquecíbel, cargada de enerxía, compañeirismo e paixón pola música”, sinalou a organización.



