Desde vai anos, especialmente desde a tristísima e dura etapa da pandemia do COVID-19, tento analizar o motivo ou motivos polos que o xornalismo español caeu tan baixo. Non dou chegado a unha explicación rotunda, irrevocable, indiscutible. Mais sí sei -ou creo saber- que detrás de cada un deses pseudo-medios que tanto proliferan actualmente en España, sempre está o diñeiro que todo o paga, que todo o compra.
Hai -e sempre houbo- grandes firmas comerciais dispostas a contribuir económicamente a engrosar as contas que permiten a exjstencia de medios de comunicación que non poderían manterse con vida de non ser pola aportación de importantes cantidades de diñeiro que entidades públicas e privadas realizaban e aínda realizan.
Vai máis de 30 anos que, con outros compañeiros, apostabamos por cales serían os tres ou catro titulares de portada ou cabeceira de informativos de radio e televisión do día seguinte en determinados medios. Mesmo incluiamos “informacións” pagadas nas que non se especificaba que estas non eran outra cousa que publicidade encuberta. No noso “xogo” entraba tamén a información institucional que todos, obviamente, sabiamos que o era e que se nós, os “xogadores”, non manexabamos, non era porque se nos birlara a “exclusiva” por falta de contactos senón porque houbera unha filtración interesada en troques de diñeiro.
Na actualidade a situación aínda é peor porque as institucións públicas entran acotío no xogo: concellos, deputacións, consellerías, gobernos autónomos, partidos políticos, etc., e con estes cartos ou “subvencións”, poden pagarse “informacións” que non son tal, titulares que denigran a determinadas persoas ou actuacións e desinformacións que veñen xustificar a exjstencia dos pseudo-medios que tentan ser medios xornalísticos sen cumprir os mínimos estándares de xornalismo e que difunden información inexacta.
Cantos destes pseudomedios poden falar libremente de transparencia e responsabilidade, cantos identifican claramente aos autores dos traballos publicados, cantos revelan a propiedade do medio, cantos publican correccións cando cometen erros, cantos testemuños publicados son verificables, etc.. para podermos asegurar que o que lemos é o que queremos?…
Non estamos xustificando a decisión do franquismo do control e mesmo a prohibición do exercicio do xornalismo?..