
Aínda que non nos guste a realidade, a verdade, sen medo a equivocarnos, é que no noso país os maiores “okupas” das vivendas foron as propias entidades financeiras e ademais, o que é peor, de maneira legal aínda que de forma inxusta e abusiva.
Ao longo dos anos, as entidades financeiras quedaban coas vivendas habituais dos prestatarios e a dos avalistas (dúas polo prezo de unha) e ademais a familia quedaba coa débeda da hipoteca para sempre.
Tamén hai que ter en conta que os Tribunais de Xustiza de primeira instancia tiñan a única e toda a lexitimidade para legalizar o desaloxo e ordenar a posterior ocupación do inmoble. Non había posibilidade algunha de recorrer nin apelar aos tribunais superiores.
Nos Xulgados a carga da proba correspondía ás familias, o xuíz tíñase que limitar simplemente a decretar a orde de toma de posesión ou desafiuzamento sen máis, independentemente da situación de vulnerabilidade ou exclusión familiar da familia.
Tampouco podemos esquecernos das cláusulas abusivas que tiñan, a maioría das escrituras hipotecarias, todas elas evidentemente en beneficio da banca. Na actualidade esta circunstancia, por sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza europeo, son motivo de desestimación ou sobresemento en todas as demandas de execucións hipotecarias, ademais o xuíz ten a obrigación de comprobalo sen necesidade de que sexa a instancia de parte.


