O Museo do Gravado de Ribeira acollerá o 27 de xuño a inauguración da exposición da 1ª e 4ª edición do Simposium Internacional de Offset de Arte. Será o venres vindeiro ás 20.30 horas na sala 2 do Museo do Gravado e contarase coa presenza do director do Museo, Pastor Rodríguez, que avanza que a exposición amosa a investigación e progreso do offset na realización de traballos orixinais nunha técnica descuberta en 1904 por W. Rubel que melloraba a técnica litográfica que Alois Senefelder descubrira en 1796 e que Brisset perfeccionara en 1833.

En total podemos admirar a obra de 25 artistas internacionais, á que se unen dúas obras e unha matriz orixinal de Doroteo Arnáiz que se realizaron para o II e III Simposio Internacional Offset de Arte realizado en Portugal (1991) e Canadá (1994).
A través destas propostas amosaranse diferentes xeitos de enfrontar as técnicas do offset, variadas sensibilidades artísticas que visualizan as grandes posibilidades dunha técnica case contemporánea e que non desmerecen en creatividade e rigor técnico doutras técnicas máis tradicionais.
Segundo lembran dende o Museo do Gravado de Artes, a litografía e o offset estiveron sempre en evolución, engadindo novidades técnicas que permiten o emprego do raio láser, do ordenador e a dixitalización para elaborar matrices. En palabras de Juan Genovés, presente na mostra, a arte comeza dende abaixo e a técnica do offset achega a arte a un público moi numeroso. Polo demais, por riba da técnica están a creatividade, o talento, a sensibilidade dos artistas pois, como lembra Joseph Guinovart, “na arte non existe o progreso xa que as novas técnicas non supeditan a creatividade artística individual nin a mirada nova e persoal sobre o mundo, propias de cadansúa obra”.
Nesta exposición podemos apreciar a sensibilidade e a creatividade de artistas xa consagrados como Doroteo Arnáiz, Bien, Bigi, Calapez, Dacos, Gaube, Doome, Dupont, Genovés, Guinovart, Heiskanen, Matta, Mendes, Pellerin, Pignon, Philippe, Point, Rousseff, Salinas, Silva, Sohier, Vandeloise, Vassilikian, Vlerick e Yamamoto.
Trátase, segundo informou o Museo, “unha festa internacional de creatividade, de rigor, de pluralidade, de sensibilidade; unha viaxe a través dunha técnica que permite a experimentación, mais que non mata a creatividade”.



