O Club Remo da Pobra do Caramiñal (Club Remo Puebla) continúa colleitando éxitos nas diferentes competicións nas que participa. Un dos últimos conseguírono no Campionato de España de Traiñeiriñas, un certame no que o equipo de cadetes masculino se converteu en campión de España.

O Concello organizou este xoves 12 de xuño unha recepción para felicitar e pór en valor o título nacional.

Alí foron recibidos polo alcalde, José Carlos Vidal, polas concelleiras do Goberno local, Patricia Lojo, Estefanía Ramos e Amparo Cerecedo e tamén da Corporación municipal.

Durante a súa intervención, o rexedor aproveitou a ocasión para felicitar a todo o Club polos resultados obtidos durante a tempada “que son froito do voso incrible esforzo e dedicación”.

Como lembraremos, o Campionato de España de Traiñeiriñas celebrouse, a finais de maio, na Pobra, reunindo a algúns dos mellores remeiros, non só de Galicia, senón tamén de toda España.

Ao primeiro posto do equipo cadete masculino hai que sumar, así mesmo, outros dos fitos conquistados polo Club Remo da Pobra durante a cita: as sétimas posicións acadadas polas rapazas do cadete feminino e polo xuvenil masculino.
