O equipo da rexión asociada Arousa-Lab, encadrada no proxecto europeo matriz Atlantic Arctic Agora (A-AAGORA), reuniuse de novo na mañá deste mércores, 18 de xuño, para dar continuidade ao traballo de posta en valor do mar da ría arousá. Nesta ocasión, a xornada comezou coa recollida de laminarias no Laboratorio de Algas da asociación inclusiva Amicos, situado na sede da entidade en Boiro. De seguido, o grupo dirixiuse ao Hospital de
Gorgonias da lonxa de Ribeira, onde puideron participar nunha das accións de sensibilización que os axentes medioambientais realizan con escolares da zona, neste caso 3º e 4º do Colexio Galaxia. Alí participaron en distintos xogos didácticos, ao tempo que viron os distintos pasos na rehabilitación destes seres vivos, dende que a xente do mar as entregan ata que están listas para a súa restauración no fondo mariño. Neste senso puideron ver como se desenvolve unha acción de sensibilización con máis de corenta escolares.

A continuación, os membros do comité embarcaron para ver de primeira man como é o proceso de reintrodución das gorgonias e as laminarias en zonas protexidas do mar, así como a plantación de zoostera no fondo. A xornada estivo conducida polo director xeral de Amicos, Xoán España, e o xefe de servizo de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, José Martínez. Nela participaron membros do comité social o director-conservador do Equipo de Uso Público do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández; e os patróns maiores da Illa de Arousa e Aguiño, Juan José Rial e José Antonio Santamaría. Tamén os acompañou Érika García, membro do grupo de investigación mariña Biocost, da Universidade da Coruña.

Arousa-Llab busca poñer en valor o traballo e a cultura mariñeira da zona, e afondar no labor que desenvolven os distintos actores da Comunidade mediante o reforzo positivo das súas boas prácticas. Tamén se contemplan distintas accións de restauración do fondo mariño, así como o estudo das solucións baseadas na natureza que poden aplicarse para adaptarse ao cambio climático.

Dende Desenvolvemento Pesqueiro destacouse que “é un orgullo ver aquí reunida á comunidade pesqueira, científica e escolar, todos eles cun mesmo obxectivo, que é o de contribuír á sustentabilidade e á recuperación ambiental da ría de Arousa”.

Pola súa banda, o director xeral de Amicos quixo “reiterar o agradecemento á Consellería do Mar por elixir a Amicos como elemento dinamizador do proxecto A-AAGORA. Hoxe estamos aquí para ver como estamos levando a cabo a restauración activa do fondo mariño desta ría no marco de distintos proxectos. E como é posíbel que a comunidade se una para mellorar a situación dos ecosistemas, e as institucións traballen na restauración de especies tan importantes como as gorgonias, os bosques de kelp ou as laminarias”.




