A deputada do BNG no Parlamento galego Rosana Pérez, o deputado Oscar Insua, a responsable comarcal do BNG Muros-Noia, Sol Agra, e outros membros da formación nacionalista visitaron o criadeiro de moluscos que a Confraría San Bartolomeu de Noia ten nas instalacións do Freixo, en Outes, para coñecer de primeira man a situación do marisqueo na ría e o funcionamento das instalacións, que están a permitir que a confraría produza cría propia de berberecho e ameixa para a súa sementeira.

Acompañados polo patrón maior, Santiago Cruz, e o secretario da confraría, Adelo Freire, foron guiados polo biólogo responsable, que conta con varias expertas en xenética mariña. Así, puideron descubrir o proceso de cría e engorde do molusco, até que acade o tamaño necesario para ser sementado nas augas da ría.
As instalacións están dotadas de tecnoloxía punteira e contan con cámaras de fitoplancto para o cultivo de microalgas, que serven de alimentos ás larvas de ameixas, berberechos e ostras.
O deputado Oscar Insua amosou o seu interese polo funcionamento do criadeiro e manifestou que “é imprescindible que a Consellaría fomente na Costa da Morte a instalación de criadeiros con cría autóctona, para abastecer os bancos marisqueiros e evitar a parálise do sector, como aconteceu en Camariñas”.
Tras a visita, a deputada Rosana Pérez, encargada da área de Pesca e Marisqueo do BNG no Parlamento galego, afirmou que “a Xunta debe apoiar máis a investigación e a creación de centros como o de Noia, que é un modelo a seguir, xa que aposta polo producto propio da ría e pono en valor, en lugar de concentrar os seus esforzos na promoción de produtos de orixe foráneo que poñen en perigo o noso sector marisqueiro”.
Pola súa banda, o secretario da confraría, Adelo Freire, lembrou que “o hatchery do Freixo non é o único criadeiro en Galiza, pero si o único que trabaja con cría autóctona, xa que noutros lugars estase a importar o bivalvo, co que se perde a referencialidade do berberecho e a ameixa do país”.
Santiago Cruz, o patrón maior, mostrou a súa preocupación polas dificultades que atravesa o sector, tras varias campañas malas, e a falta de investigación para reverter esta caída na produtividade da ría.
.