O BNG reclama ao Goberno unha investigación propia sobre o estado dos residuos radioactivos na Foxa Atlántica

30 Xuño 2025

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar “con contundencia” a postura do Goberno fronte “ao grave problema ambiental que representa o cemiterio nuclear afundido na Foxa Atlántica, a uns 450 quilómetros da costa galega”, unha postura que a agrupación galega cualifica de “pasiva”. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno asumir as súas responsabilidades e impulsar unha misión científica propia para inspeccionar e avaliar o estado dos máis de 225.000 bidóns con residuos radioactivos depositados no fondo mariño desde hai máis de catro décadas.

Néstor Rego advirte da falta total de vixilancia e control sobre esta zona, onde foron deitadas máis de 140.000 toneladas de lixo nuclear procedentes de oito países europeos entre 1949 e 1982, e todo isto, dixo, “sen que o Estado español realizase ningunha inspección recente nin dese pasos para coñecer o seu impacto ambiental”.

“Resulta incomprensíbel e irresponsábel que, despois de máis de corenta anos desde a finalización dos depósitos, o Goberno español non teña promovido unha soa misión científica propia para coñecer o estado real destes residuos perigosos”, critica Rego, engadindo que “o Estado non pode seguir desaparecido fronte ao potencial risco do lixo nuclear fronte á costa galega” demanda.

O BNG lembra que nestes días unha misión francesa, co do buque oceanográfico L’Atalante, con tecnoloxía submarina avanzada, está a inspeccionar a zona. Esta misión —promovida polo Centre National de La Recherche Scientifique (CNRS)— xa localizou máis dun millar de bidóns e ten previsto continuar en 2026 cunha segunda fase de actuación directa sobre os residuos.

“Non se entende que sendo a costa galega a máis exposta a calquera risco potencial, o Goberno do Estado non impulse unha investigación científica propia, a través do CSIC ou doutras institucións, que permita coñecer a situación real dos bidóns e o seu impacto ambiental”, afirma o deputado nacionalista.

O BNG lembra que as únicas inspeccións realizadas até o momento tiveron lugar en 1988 e 1998, e denuncia que nin o Consello de Seguranza Nuclear español nin a Axencia Internacional da Enerxía Atómica teñen realizado ningún seguimento nos últimos 25 anos, a pesar das advertencias de expertos sobre o posíbel deterioro dos bidóns e o risco de contaminación mariña.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.