María Lago alerta da falta de pediatras en Muros e reclama á Xunta “asistencia sanitaria con urxencia”

02 Xuño 2025

O Concello de Muros, a través da súa alcaldesa de Muros, María Lago, vén de emitir un novo comunicado de urxencia sobre a situación da atención pediátrica na vila, que, segundo sosteñen, é “inexistente no Centro de Saúde”. Por este motivo, reclaman ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, “a cobertura inmediata e de forma urxente das dúas prazas de pediatría no Centro de Saúde de Muros; non se pode seguir mantendo esta situación de abandono dun servizo sanitario esencial”. Explican tamén que “á baixa de longa duración do pediatra que traballa só no Centro de Saúde de Muros uniuse recentemente a baixa da outra pediatra, o que obriga ás familias a desprazarse a Outes ou Noia para recibir atención sanitaria”.

María Lago dirixiuse de novo a través dunha carta ao conselleiro de Sanidade, na que lle expresa “a miña fonda preocupación pola situación insostible que se está a vivir no servizo de pediatría do Centro de Saúde de Muros”. Lémbranlle que “no centro existen dúas prazas de pediatría; unha delas leva moito tempo sen cubrirse debido á baixa prolongada da persoa titular, o que xera unha sobrecarga para a única pediatra en activo, que tivo que asumir a atención de toda a poboación infantil tanto de Muros coma de Carnota”, sinalan dende o Concello, engadindo que “na actualidade esta situación viuse agravada de xeito crítico: as dúas persoas que ocupaban as prazas de pediatría atópanse de baixa, polo que nestes momentos non hai ningún pediatra no Centro de Saúde de Muros”.

“Isto está a obrigar ás familias a desprazarse, o que dificulta enormemente o acceso á atención sanitaria para os nenos e nenas da zona, impide un seguimento axeitado da súa saúde e supón unha grave vulneración do dereito á atención pediátrica”, sostén a alcaldesa de Muros, engadindo que “quero demais salientar que estamos a piques de entrar na tempada estival, época na que os concellos de Muros e Carnota ven incrementada de maneira notábel a súa poboación e esta realidade pode provocar o colapso total do servizo de pediatría, poñendo en risco a saúde das crianzas locais e das familias que nos visitan”.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.