Coincidindo coa celebración en Ribeira do Xubileo do Apostolado Seglar nunha xornada de encontro, reflexión e esperanza, publicamos o texto realizado por Francisco Domínguez Martínez para a obra “Santa Uxía de Ribeira. Oito séculos de Comunidade”. Editado pola Parroquia de Santa Uxía.
A finais do ano 1958 (pode ser ao comezo do curso escolar 1958-1959, é dicir, arredor dos meses de outubro ou novembro) créase o aspirantado de Acción Católica da Parroquia de Santa UXía de Ribeira.
- Orixes do nacemento: Un grupo de monaguillos da parroquia, entre os que me encontraba, xuntábanos con certa frecuencia a xogar no espazo existente entre a bóveda da igrexa e o tellado. Enterado o párroco, D. Juan Bautista Boó Romero, en lugar de chamarnos a atención, invitounos a facelo no baixo do edificio da Acción Católica, hoxe derrubado, na mesma praza da igrexa. Alí existía unha mesa de billar con tacos e D. Juan fáinos entrega das bolas de billar que el gardaba no seu despacho, seguramente desde tempos nos que naquel local se facían xuntanzas e encontros.
- Non había moito tempo que chegara á parroquia D. Francisco Rey Millán para apoiar o labor pastoral tanto do párroco, D. Juan, como do seu coadxutor don José Ramón Teira, ambos os dous xa entrados en anos.

D. Francisco era home de gran vitalidade que supuxo aire novo para unha parroquia que levaba moito tempo centrando as súas actividades case de maneira exclusiva no culto. Esa vitalidade chegou tamén a aqueles rapaces que comezamos a xogar nos baixos do edificio da Acción Católica e propuxemos crear o aspirantado de Acción Católica da Parroquia.
- Había que acondicionar o local ata aquela un pouco abandonado pola falta de uso. O primeiro que había que abordar era a instalación eléctrica para iluminar apropiadamente aquel espazo lúgubre que debía tomar un aspecto atractivo para que os nenos da parroquia acudisen a el. Debo indicar que só se trataba de nenos. A separación de sexos era unha práctica moi habitual naqueles tempos en todos os ámbitos, na escola, na catequese, nas misas, nas procesións, …
Un dos membros do aspirantado que tiña 14 anos, Juan José Becerra, traballaba de electricista. A parroquia mercou os materiais e el fixo a instalación.
- D. Francisco Rey Millán conseguiu unha mesa de ping pong de segunda man que precisaba.
de pintura. Recordo como el mesmo a pintou de verde coas franxas brancas, vestido cunha sotana vella a modo de bata para non enliñarse. A parroquia comprou as raquetas e pelotas. Así contamos co primeiro medio de diversión que decontado foi complementado con algún taboleiro de damas e de xadrez.
- Os comezos foron moi modestos, pero iso non impediu que nos entregaramos con entusiasmo a unha serie de actividades, que enumerarei a seguir, non sen antes salientar que certas tarefas da limpeza faciámolas nós mesmos, varrendo e limpando o lixo.
- O goberno da organización estaba estruturado da seguinte maneira: Presidente: Francisco Domínguez Martínez (14 anos) Secretario: Antonio Mariño Muñiz (16 anos)
Responsable de xogos e deportes: Severino Fontaíña (13 anos) Responsable de murais: Xosé Antonio Bernárdez (13 anos)
Faciamos reunións semanais e delas levantábase acta (sería unha sorte poder contar co libro de actas, que seguramente foi abandonado no local).
O número de aspirantes chegou a ser arredor dos 30 rapaces, desde idades a partir de 11 anos ata os 16/17.

Edificio de Acción Católica. 1980 (XMFP)
Para financiarnos os gastos (material de deportes, xogos, pelotas de ping-pog,…), ademais de certas aportacións que recibíamos da parroquia, houbo un tempo no que no local celebrábase unha especie de festivais. Eran os sábados sobre as 8:30 da tarde/noite, aproveitando que a xente saía do rosario ou dos oficios relixiosos que daquela se celebraban arredor das 20:00 horas.
O festival consistía nalgunhas actuacións de canto; concurso de preguntas segundo materias: fútbol, física-química, relixión, historia, xeografía,…; chistes; imitacións;… todas a cargo dos aspirantes. Acodía moita xente. Pasábase a bandexa para que fixeran a súa aportación.
Un domingo de maio do ano 1959 celebrouse en Cambados unha concentración do aspirantado de Acción Católica da diocese de Santiago de Compostela-zona de Arousa. Os de Cambados dispuñan dun gran centro que empregaban para cine, teatro e grandes reunións de xente.
Alá fomos unha representación moi numerosa do aspirantado da nosa parroquia nun barco, “O Cascabel”, que habitualmente facía a ruta de mercadorías entre Ribeira e o Grove. O barco foi contratado pola parroquia. En Cambados participamos nun concurso de murais e recibimos o primeiro premio. Tamén o coro fixo unha actuación pero a falta dos directores, que non puideron acompañarnos, fixo que a actuación non resultase moi lucida. Pese a todo o entusiasmo foi moi grande.
Non todo foron cousas boas na posta en marcha. Daquela o Frente de Xuventudes era en Ribeira o centro de captación de rapaces. Algun mozo responsábel viron no Aspirantado de Acción Católica un competidor que estaba gañando de facer dano nos xogos de damas de xadrez, na mesa de ping pong e no mural. Enfrentámonos a eles e puidemos parar o golpe.
A MODO DE VALORACIÓN
O aspirantado xogou un importante papel en Ribeira como punto de encontro dos rapaces. Alí ademais de aprender a convivir recibíase unha formación en valores que sen dúbida deixou marca en todos aqueles rapaces que pasamos por alí, e condicionou positivamente o noso comportamento na vida. Débese destacar que nesta andaina, que durou ata o ano 1964/1965, feito de que se actuabamos con moita autonomía. Os responsables adoitaban ser dos 14 aos 17 anos e baixo a custodia dos responsables da parroquia facíanse as actividades sen inxerencias do maiores e sempre con moito apoio e axuda deles.
ACTIVIDADES FORMATIVAS
Os aspirantes recibían formación relixiosa semanalmente, baseada en comentarios sobre pasaxes evanxélicas proporcionadas por D. Francisco. A directiva preparaba os materiais e os aspirantes tomaban notas e facían redaccións sobre os temas tratados. Tamén elaboraban un mural mensual con textos e ilustracións sobre unha pasaxe evanxélica. Ademais da formación, realizaban actividades recreativas e celebracións especiais en festividades relixiosas como a Pascua, organizando misas e xogos como carreiras de sacos.
A agrupación tiña o seu propio coro, que ensaiaba no colexio Bayón. No verán, participaban en excursións a montes e praias, xogos de pistas e campamentos. Tamén asistían a eventos diocesanos. A imaxe inclúe dúas fotografías en branco e negro de grupos de integrantes das Mocidades de Acción Católica da parroquia.

ACTIVIDADES FORMATIVAS
Os aspirantes recibían formación relixiosa semanalmente, baseada en comentarios sobre pasaxes evanxélicas proporcionadas por D. Francisco. A directiva preparaba os materiais e os aspirantes tomaban notas e facían redaccións sobre os temas tratados. Tamén elaboraban un mural mensual con textos e ilustracións sobre unha pasaxe evanxélica. Ademais da formación, realizaban actividades recreativas e celebracións especiais en festividades relixiosas como a Pascua, organizando misas e xogos como carreiras de sacos.
A agrupación tiña o seu propio coro, que ensaiaba no colexio Bayón. No verán, participaban en excursións a montes e praias, xogos de pistas e campamentos. Tamén asistían a eventos diocesanos. A imaxe inclúe dúas fotografías en branco e negro de grupos de integrantes das Mocidades de Acción Católica da parroquia.