Dous bioblitz en Rianxo axudan a coñecer e reivindicar a biodiversidade local

05 Xuño 2025

A Fundación Montescola organizou esta primavera, no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, dúas xornadas de Bioblitz no concello de Rianxo. Estas actividades están orientadas a introducir novas ferramentas que contribúan á xestión sustentábel dos ecosistemas e ao fortalecemento da conexión entre territorio e comunidade.

Esta liña de acción está financiada con fondos europeos, grazas ao apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Xornadas de innovación comunitaria

No marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, a Fundación Montescola organizou esta primavera dúas novas xornadas de Bioblitz no concello de Rianxo, nas parroquias do Araño (20 de abril) e Leiro (11 de maio). Estes encontros únense ao primeiro Bioblitz celebrado en

2024 no monte de Baroña (Porto do Son), consolidando esta ferramenta como unha das liñas

estratéxicas de traballo en innovación comunitaria dentro do proxecto. O seu obxectivo común é facer visíbeis os valores naturais do territorio a través da observación directa e participativa, coa colaboración de persoas expertas e da veciñanza.

Que é un bioblitz

Un bioblitz é unha actividade de ciencia cidadá na que, durante un período de tempo limitado, identifícanse e catalóganse o maior número posíbel de especies vivas nunha área concreta. A súa utilidade vai máis alá do rexistro puntual: axuda a fomentar o coñecemento da biodiversidade local, a crear conciencia sobre os valores ecolóxicos e a xerar información útil para a toma de decisións ambientais.

Tres xornadas con gran (e diversa) participación

As tres xornadas realizadas ata o momento no Barbanza contaron con participación diversa e complementaria, que permitiu abordar a biodiversidade desde distintas disciplinas. Nos encontros de Araño e Leiro participaron: Anxo Vela, naturalista local, que acompañou en todas as xornadas celebradas ata o momento; Helena Rodríguez Domínguez (Moaña), doutora en Bioloxía, especializada en parasitoloxía de peixes e gran coñecedora de botánica e liquenoloxía, presente nas dúas xornadas; Jesús Tizón Taracido (Vigo), afeccionado á entomoloxía, que participou activamente na identificación de insectos nos dous encontros; Miguel Conde Teira (A Pobra do Caramiñal), biólogo e ornitólogo, participante na xornada do Araño; e Santi Corral Estévez (Bueu), micólogo de campo e presidente da Asociación Micolóxico-Naturalista Liboreiro, tamén presente no Araño.

Estas xeiras de traballo, en palabras do Laboratorio, “amosan o seu potencial como ferramenta de diagnóstico, divulgación e dinamización comunitaria”. A súa incorporación ao traballo das comunidades de montes e doutros actores locais, engade o Laboratorio, “pode ser clave para fortalecer a conexión co territorio e orientar decisións sobre recuperación ambiental, control de especies invasoras ou valorización dos ecosistemas”. Como destacou a bióloga Helena Rodríguez Domínguez durante unha das xornadas: “Non se pode protexer o que non se coñece”. Nesa mesma liña, o experto local Anxo Vela, que acompañou todas as xornadas, sinalaba a importancia de “poñer nome ao que temos arredor”.

Fitos da cita do Araño

Celebrado nun espazo de bosque autóctono e de ribeira, o encontro permitiu documentar unha gran

variedade de especies:

– Aves: 13 especies identificadas, destacando o merlo rieiro (Cinclus cinclus), asociado a ríos limpos.

– Flora: Presenza do endemismo Echium lusitanicum, con poboacións únicas na comarca.

Tamén se identificaron violetas, narcisos, paxariños (Linaria triornithophora) e bosque autóctono ben conservado.

– Fentos: Riqueza notábel, con especies como Osmunda regalis, Struthiopteris spicant e Davallia canariensis.

– Liques: Identificáronse numerosas especies grazas ao coñecemento especializado do grupo, como Sticta limbata ou Cladonia squamosa.

– Insectos: 23 observacións de 22 especies rexistradas por Jesús Tizón, destacando a Vanessa atalanta (bolboreta migradora).

– Fungos: A seca reduciu a presenza, detectándose só Mitrula paludosa.

– Especies exóticas invasoras: Alta presenza, con especies como Acacia dealbata ou Tradescantia fluminensis.

Fitos en Leiro

A xornada percorreu unha gran diversidade de hábitats: zonas costeiras, bosques, regatos e espazos alterados pola presenza humana.

– Flora: A destacar a presenza de dúas orquídeas (Serapias lingua e S. cordigera), únicas coñecidas no concello. Tamén especies de interese como Scilla monophylos, Genista triacanthos, Sibthorpia europaea e Zostera noltii (na enseada da Sebeira).

– Fentos: Gran diversidade, incluíndo Asplenium adiantum-nigrum e Polystichum setiferum.

– Especies exóticas invasoras: Moi presentes, con exemplares como Phytolacca americana, Chasmanthe floribunda, Reynoutria japonica e Melianthus major, especie rara, pero con potencial invasor.

– Insectos: 20 observacións de 18 especies, entre elas Graphosoma italicum (chinche ornamental), Melitaea deione, Pararge aegeria, Zygaena trifolii (polilla velenosa), Cydalima perspectalis (invasora) e a vistosa Oedemera nobilis.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un viaje por las “Memoria de Mariñáns”. Alberto Barciela

“Un viaje por las “Memoria de Mariñáns”. Alberto Barciela

Uno tiene morriña, esa saudade gallega que ansía recuperar lo que fuimos para ser mejores en un presente en el que las culturas particulares se diluyen en lo global despersonalizado. Sin instrumentalizaciones ideológicas o localistas, tan limitadas e hirientes cuando...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.