Dodro, Outes, A Pobra e Ribeira acollerán funcións da nova edición do Festival Atlántica, que vén con 85 espectáculos

17 Xuño 2025

O Festival Atlántica presentou este martes, 17 de xuño, o programa completo da súa décimo terceira edición, que se vai celebrar entre o 28 de xuño e o 6 de xullo. A axenda, que inclúe homenaxes a Castelao, desenvolverase en 27 sedes e ao longo de 85 funcións, nas que participan 51 artistas de procedencias tan diversas como Arxentina, Escocia, Portugal, Italia, Valencia, Aragón, Canarias, Zamora e Galicia,

O XIII Festival Atlántica é posíbel grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, Pazos de Borbén, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo, Vilalba Vimianzo e a Fundación Pública Camilo José Cela.

Na rolda de prensa participaron Anxo Lorenzo, director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xosé Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Ademais, tamén acudiron ao evento numerosos representantes de concellos e entidades colaboradoras do festival.

Na súa quenda, Míriam Louzao amosou a súa ledicia pola nova edición do festival que acollerá 51 artista aos que describiu como “alquimistas da palabra que nos amosarán como empregala para imaxinar outros mundos posíbeis, para exorcizar as dores e construír espazos seguros onde gorecernos fronte o balbordo e o caos, fronte aos discursos totalitaristas que, cada vez máis, nos arrodean”.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo vinculou directamente o labor do festival coa “Galicia que leva moito tempo, cultivando, mantendo e transmitindo unha maneira de comunicar a través da narración oral” e falou dunha “tradición non fosilizada, un ben cultural plenamente vivo”.

Xosé Penas non dubidou en incluír Atlántica entre os “festivais únicos, singulares e exclusivos que temos que considerar parte de noso patrimonio” e que é, ademais, “capaz de transcender as fronteiras para converterse nun referente do país”.

Na súa intervención Felloza compartiu coa audiencia a necesidade de “pensar e repensar o futuro da narración oral e das novas formas desta arte” nunha sociedade galega cada vez máis urbana.

A primeira das actividades será a celebración de sesións mixtas interxeracionais nas que artistas sobranceiros compartirán escenario con novos talentos que, en moitos casos, contarán nun festival profesional por primeira vez. Estas sesións combinadas (como as de Dani Lago e a escocesa Inés Álvarez, Aída Cobas con Miguel Gouveia de Portugal e Carmen Conde ou Nuria Vázquez e a valenciana Paula Carbonell) buscan crear espazos reais para dar a alternativa ás novas voces da narración oral.

Outra vía de traballo son proxectos como o recente Mapa de Seres Máxicos do Reino de Galicia, con guión de Manuel Gago e ilustracións de Leandro Lamas. Un proxecto para todos os públicos, divulgativo e visual que da conta da riqueza e diversidade da tradición oral galega a través de 34 seres máxicos. Deseñado para ser contado e reimaxinado en familia, o mapa axuda a manter viva esa parte do patrimonio inmaterial galego, contribuíndo a evitar a súa desaparición pero tamén a atopar un oco na nosa nova sociedade.

Ademais, por primeira vez, o festival establece acordos coas universidades galegas para impulsar accións formativas e abrir espazos de formación artística e de xestión cultural arredor da narración oral: unha colaboración que se engade ás que xa mantén con máis de 30 entidades culturais e museos, tecendo unha rede de sinerxías que reforzan o vínculo co territorio e coas súas comunidades.

Segundo explicaron dende a organización, Atlántica seguirá a defender o seu destacado lugar no mundo dos festivais da narración oral “grazas a unha programación sólida onde collen historias para todas e todos”.

As 80 funcións programadas inclúen estreas absolutas como Fare le corna do italiano Simone Negrin, un espectáculo creado ex profeso para botar lonxe a mala sorte nesta edición número 13, as esperadas Novas historias do filandar do zamorano Don Guti, o Contara de Celso Fernández Sanmartín e Memorias do lume, un exercicio de autonarración da propia Soledad Felloza.

O festival trae tamén historias que se escoitarán por primeira vez no estado español como as de Inés Álvarez, una asturiana asentada desde hai máis de dúas décadas en Escocia e integrante do Scottish Storytelling Forum, ou as do portugués Miguel Gouveia. Todo isto sen esquecer as estreas en Galicia, caracterizadas pola súa variedade: a mestura de poesía e robótica que destilan os Artiloxios do aragonés Oswaldo Pai, o bo facer cos máis pequechos da valenciana Paula Carbonell, o sotaque isleño que regalan as canarias Loreto Socorro e Laura Escuela e as emociones agochadas nas Historias de ida e volta de Larraitz Urruzola.

A alquimia dos contos

Volven nesta edición as fórmulas gañadoras de anos previos e “que demostraron que todo mellora cos contos”, informou Felloza, engadindo que son bos exemplos disto os roteiros, que xa chegan a cinco concellos e que saen dos espazos urbanos (Rótulas urbanas con Elvira Carregado en Ourense ou Ferrol na historia con Margarita Sánchez) para pasear por castros (como o das Barreiras de Vimianzo con Tito Concheiro), petróglifos (os de Bouza Badín de Dodro con Manuel Santos Estévez) e mesmo montan en barco para visitar a ría de Ferrol (O porto ilustrado con Guillermo Llorca).

A arxentina Carolina Arabia, autora do exitoso De cantos y animales, será tamén quen de amosar o poder alquímico das historias na transmisión do coñecemento, ao igual que o antropólogo Rafa Quintía (No país das cousas marabillosas, coas caldupeiras da A.V. Porto do Cabo).

Castelao: homenaxe ao narrador

Como novidade, nesta edición, Atlántica rende homenaxe a Castelao no 75 aniversario do seu pasamento, recoñecendo o seu papel clave na recuperación da cultura galega e o seu talento como narrador de historias. As testemuñas orais lembran a súa capacidade para emocionar co verbo, co conto breve e coa palabra viva. Atlántica quere celebrar tamén ese Castelao contador.

Esta reivindicación materializarase en dúas actividades, a primeira, unha lectura pública da obra de Castelao aberta á cidadanía no Panteón de Galegos Ilustres (Como dicía Castelao, 1 de xullo, 11.30-20.30 h,) que terá un peche festivo cun concerto das Bouba Pandeireteiras (1 de xullo, 21 h, CSC Maruxa e Coralia). E a segunda, un roteiro narrado polas rúas de Santiago da man de Quico Cadaval e mais Carme Varela que rememorará os nove anos de Castelao na cidade (A pegada de Castelao, 3 de xullo).

Quentando motores con Atlántica Miúdo

Coma en anos anteriores, o Atlántica Miúdo opera como o a inauguración oficiosa do festival levando as historias ata as escolas nos últimos días do curso. Así, desde o 13 de xuño estase a desenvolver un programa especial concibido para alumnado de centros de Ordes, Brión e Pazos de Borbén. Tamén están previstas funcións nas bibliotecas públicas de Santiago e Vigo e mais no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). E, por suposto, durante as datas oficiais do festival, Atlántica inclúe unha grande oferta para a cativada e as súas familias que se pode consultar, co resto da programación, na web festivalatlantica.gal.

Programa no Barbanza

Sábado 28 xuño 20:30

Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira en Broña (Outes)

Meu mar

Público adulto | En galego e castelán | De balde

Laura Escuela, Caxoto

Venres 4 de xullo ás 21:00

Xardíns do Pazo do Couto -entrada pola fonte do Castelo- (A Pobra do Caramiñal)

Vicio houbo sempre

Público adulto | En galego | De balde

Atenea García

Venres 4 de xullo ás 20.30 horas

Saída da Cruz de Avelán ata os Petróglifos de Bouza Badín (Dodro)

A memoria milenaria dos petróglifos

Público adulto | En galego | De balde

Manuel Santos

Venres 4 de xullo ás 20.30 horas

Petróglifos de Bouza Badín (Dodro)

Polos camiños do norte: unha ponte de contos entre tres terras celtas

Público adulto | En castelán | De balde

Inés Álvarez Villa

Venres 4 de xullo ás 21:00 horas

Lavadoiro de Penisqueira (Ribeira)

Contara

Público adulto | En galego | De balde.

Celso F. Sanmartín

Venres 4 de xullo ás 21:00

Xardíns do Pazo do Couto -entrada pola fonte do Castelo- (A Pobra do Caramiñal)

Vicio houbo sempre

Público adulto | En galego | De balde

Atenea García

Sábado 5 de xullo ás 21:00

Castro de Posmarcos (A Pobra do Caramiñal)

Novas historias de filandar

Público adulto | En castelán | De balde

José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’

Sábado 5 de xullo ás 21.00 horas

Eira dos Hórreos da Lavandeira (Imo, Dodro)

Autoestradas e corredoiras

Público adulto | En galego | De balde

Quico Cadaval

Sábado 5 de xullo ás 21.00 horas

Piñeiral da Corna (Palmeira, Ribeira)

Venme ao bico un conto

Público adulto | En portugués e galego | De balde

Miguel Gouveia, Aída Cobas

Sábado 12 xullo ás 20:30

Terraza do Náutico no Freixo (Outes)

Lavandeiras (con Santi Cribeiro)

Público adulto | En galego | De balde

Vero Rilo

Outros artigos

Incidencias en Ribeira coa limpeza de via e incendio en Boiro

Limpeza de vía por vertedura de aceite hidráulico dun tractor na DP-7503, no concello de Ribeira Os bombeiros do parque Provincial de Boiro acudiron esta mañá, arredor das 12:10 horas, a unha intervención por vertedura de aceite hidráulico dun tractor...

+

Ribeira presenta novos roteiros turísticos en bicicleta eléctrica

Este martes 8 de xullo, Francisco Suárez-Puerta, concelleiro de Turismo de Ribeira, anunciou a posta en marcha, nas súas palabras, “dun completo programa de roteiros deseñados para mergullarse na rica historia e cultura da nosa terra”. Estes itinerarios, engadiu,...

+

Publicidade

Castiñeiras

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.