Comeza a conta atrás para a Noite Aberta de Boiro, que vén con descontos, animación e actividades familiares

04 Xuño 2025

Boiro prepárase para vivir unha das súas citas comerciais máis esperadas: a Noite Aberta 2025, organizada pola Asociación Boirense de Empresas (ABE), prevista para este sábado 7 de xuño. A xornada reunirá a máis de 30 negocios locais, que ofrecerán descontos especiais durante todo o día, cun horario ampliado ata as 22:00 h e estarán sinalizados cunha bandeira rosa.

Durante toda a xornada, as persoas que merquen no comercio local poderán gozar dunha ampla programación de actividades, animación musical, obradoiros e agasallos directos, nun ambiente pensado para todos os públicos.

A presentación oficial da campaña, celebrada este mércores 4 de xuño, contou coa participación do presidente da ABE, Daniel García, e dos concelleiros de comercio e cultura que destacaron “a importancia de apoiar ao pequeno comercio e de fomentar espazos de encontro que dinamicen as rúas da vila”.

Segundo explicou García, “un dos grandes atractivos desta edición será a ruleta de premios, situada na rúa Santos Mieites, que ofrecerá agasallos directos como botellas reutilizábeis, estoxos, palas de praia, crema solar, cordóns para o móbil e moito máis”. Cada persoa poderá facer unha tirada por cada compra superior a 10 euros realizada nos establecementos participantes.

Ademais, os comercios entregarán convites exclusivos para gozar doutras actividades como o tren infantil, a haima con brochetas de lambonadas ou a haima con flocos de millo, ambas con música incluída. Estes espazos estarán repartidos entre a praza do Concello e a rúa Borobó, “ofrecendo unha experiencia completa de lecer familiar en diferentes rúas da vila”, explicou García.

Personaxes disney e photocall para a rapazada

A partir das 17:00 h, a rapazada poderá atoparse coas personaxes Mickey e Minnie, que percorrerán os negocios participantes repartindo lambonadas e globos entre os máis pequenos. Entre as 19:00 e as 20:00 h, tamén se poderán sacar fotografías coas personaxes nun photocall decorado, situado ao carón da ruleta de premios gratuitamente e sen necesidade de convite previo.

Tradición, creatividade e inclusión

A xornada incluirá tamén unha nova edición de Labores na rúa, coas ganchilleiras de San Ramón, que tecerán en directo na rúa Santos Mieites. Tamén haberá obradoiros infantís de chaveiros e pulseiras, e un obradoiro de reciclaxe con CDs aberto a todo o público.

A organización contará coa colaboración da entidade BarbanTEA, que instalará un posto informativo de 18:00 a 21:00 h, reforzando así o enfoque inclusivo e social do evento.

Música para rematar a festa

A xornada culminará cunha sesión de animación musical familiar itinerante a cargo do Gran Cuarteto da Familia Bocaprier, que percorrerá as rúas con música e humor entre as 20:30 e as 22:00 h, poñendo o broche de ouro a unha Noite Aberta “pensada para vivir, mercar e divertirse en Boiro”. Esta é unha actividade organizada polo Concello de Boiro.

“Esta será, sen dúbida, a mellor Noite Aberta celebrada ata a data, cunha programación ampla, participativa e pensada para gozar en familia, mercando no comercio local”, engadiu Daniel García, lembrando que toda a información actualizada está dispoñíbel en www.abe.gal.

Esta campaña está co-financiada pola Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello de Boiro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Manuel ¿para qué sirve la música?”. Manuel Dominguez III

“Manuel ¿para qué sirve la música?”. Manuel Dominguez III

Manuel ¿para qué sirve la música? ¿Te podrías imaginar un mundo, la vida sin música, podrías vivir en ese mundo? Te imaginas ir al campo, y que faltase ese cantar del Mirlo o del Jilguero, que el silencioso fuese, tal silencio que hasta faltase el ulular del viento....

“Pensando nun futuro mellor”. Luís Celeiro

“Pensando nun futuro mellor”. Luís Celeiro

“O mellor está por chegar” é unha expresión que se lle atribúe a aquel recoñecido poeta inglés,Robert Browning (1812-1889), que tantas veces reflexionou sobre o sentido da vida, o paso dotempo e a vellez das persoas e das cousas. Sobre a esperanza no futuro, que vén...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.