
O Concello de Boiro colabora coa Escola de Fútbol Municipal de Boiro na celebración dunha nova edición do Depor Campus, que terá lugar nas instalacións municipais de Valiño entre o 14 e o 18 de xullo. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Deportes, Marcos Fajadro, participaron na presentación xunto con Julio García, membro da EFM, e Sergio Maurente, coordinador do Programa Local da Fundación RC Deportivo.
Segundo fixeron saber, a actividade está dirixida a rapaces e rapazas de 6 a 14 anos e vaise desenvolver en horario de 10.00 a 14.00 horas. “Dende a EFM estamos moi agradecidos co Deportivo porque siga contando con Boiro como sede deste campus e que permite aos nenos e nenas da comarca formase como adestradores de primeiro nivel”, recoñeceu Julio García.
O obxectivo desta actividade é aprender e desenvolver a coordinación a través de xogos; aprender habilidades e conceptos na relación co corpo e o balón; traballar fundamentos técnico-tácticos… a través de xogos e habilidade co balón, circuítos coordinativos, desafíos técnicos, partidos e competicións. “Buscamos formar aos nenos e nenas que queiran dar un paso mais na súa formación futbolística e pasar unha semana divertida”, afirmou Sergio Maurente.
O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, eloxiou a dedicación da EFM “en todas as actividades que desenvolven para promover o fútbol de base no noso municipio”. Pola súa parte o alcalde, José Ramón Romero, agradeceu ao Deportivo por seguir contando con Boiro para este campus: “Todo o que sexa formación deportiva para os nosos rapaces e rapazas vai ter sempre o apoio do Concello de Boiro polos beneficios do deporte e polos valores que reciben para o seu futuro”.
As inscricións están abertas ata o día 7 de xullo e poden formalizarse na páxina web www.deporcampus.rcdeportivo.es



