A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou nunha reunión de coordinación para preparar o simulacro de situación operativa 2 por incendio forestal en Rianxo, que terá lugar o próximo xoves en diferentes emprazamentos do concello rianxeiro, na que estiveron presentes o xefe de servizo de Emerxencias da provincia da Coruña, Víctor Vázquez e o xefe de servizo de Prevención de Incendios Forestais da provincia da Coruña, Guillermo Acebal.
No encontro analizáronse os detalles do simulacro de incendio que se iniciará ás 8:45 horas na zona de Burés (parroquia de Asados) no concello de Rianxo, e estenderase por diversos núcleos de poboación do termo municipal deste municipio.

Simulacro
O concello de Rianxo acolle este xoves de 5 de xuño un simulacro de Activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia (PEIFOGA) e o seu paso a situación 2 (afección á poboación). As diferentes actuacións incluídas no marco deste simulacro desenvolveranse fundamentalmente nas parroquias de Asados, Isorna, Leiro e Rianxo entre as 8:45 e as 13:30 horas. O Concello de Rianxo explicou que “para o desenvolvemento destas actuacións mobilizaranse, entre outros, diferentes servizos de loita contra o lume da Consellería de Medio Rural, así como efectivos das forzas e corpos de seguridade”.




